Os libros de Pedro Feijoo

Como adianto á participación do escritor e músico vigués Pedro Feijoo no Tac, tac, tac da Libraría NUMAX, achegamos un itinerario bibliográfico con libros que o teñen influenciado especialmente, que inclúe comentarios do propio autor.

Sempre houbo libros no meu fogar. Na casa dos meus pais e, sobre todo, na do meu avó, Manuel de la Fuente. Escritor, poeta, e xornalista do Faro de Vigo, a biblioteca da súa casa era con diferencia a maior de todas cantas eu coñecía. Pasou o tempo, crecín, e coñecín outras casas, outras bibliotecas. Pero a do meu avó seguía a ser considerable. Supoño que foi nese espazo onde eu tiven os meus primeiros contactos de maneira constante co libro como peza, cousa, artefacto que un leva na man. E sobre todo, co libro como resultado do oficio do escritor. Sinceramente, foron tantos os títulos, que me resulta imposible colocar un á fronte da lista, de maneira que daremos por bo o primeiro que me veña á cabeza. E, curiosamente, o asunto vén a pares...

Hubert Monteilhet, De profesión, fantasma  (1979) / Justo María Escalante, Satanismo erótico (1932)

A historia do rapaz que se coa no castelo coa idea de pasar a noite e queda toda unha tempada dentro foi outro dos moitos libros que acompañaron a miña nenez, pero creo que vou recordar ese especialmente, tanto polas moitas veces que o lin, como polo que representaban aqueles libros de El Barco de Vapor. O bo era que, estando naquela biblioteca, como non prestarlle atención a todas aqueloutras tentacións? Recordo perfectamente o exemplar do Satanismo do meu avó, unha primeira edición de 1932, na que se falaba do demo e de mulleres. Talvez fose demasiado cedo para aquilo, pero, quen podería resistirse? Á fin e ao cabo sempre fun un mozo moi curioso...

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Cousas (1934)

Foi xa no tempo do instituto onde empecei a tomar consciencia non só de formar parte dun país propio, senón tamén de ser lector dentro dun sistema noso. E Castelao foi a miña porta de acceso a todo iso, tanto ao país como ás nosas letras.

Suso de Toro, Polaroid (1986)

Sucedeu no derradeiro ano de instituto, facendo o COU, xusto cando empezabamos a pensar que xa sabíamos por onde ían os tiros. Foi daquela, cando tes a pouca experiencia necesaria como para empezar a forxar os teus propios prexuízos, cando chegou este libro, xusto a tempo para prenderlle lume a todo e a todos. Polaroid foi a grande explosión, o libro que dinamitou desde dentro a miña concepción non só da literatura, senón desa cousa exótica, case misteriosa, de ser escritor. Suso de Toro aprendeunos a toda unha xeración que outro xeito de facer literatura e país era posible. Dun xeito novo, radical, e endiañadamente atractivo. Aínda hoxe, cando nos institutos me piden que recomende algún texto para os rapaces, sigo a citar o Manifesto Kamikaze da Apoteose do Churrasco...

Suso de Toro, Tic tac (1993)

Convertido en adicto, Tic tac foi o meu paso ás drogas duras. Adeus ás medias tintas, ese libro, unha fodida obra de arte, converteuse para min no puñetero santo graal, o quinto elemento. Un dos pináculos das nosas letras. Suso de Toro xa era o sumum da modernidade e, cando nada máis tiña que sinalarnos o camiño, o que fixo foi abrirnos toda unha autopista, e prenderlle lume, para deixarnos a pista ben sinalada aos que viñamos detrás.

Oscar Wilde, El retrato de Dorian Gray (1890)

Unha época difícil da miña vida. Drogas, rocanrol e, para sexo, o fodido que andaba eu. Nun momento no que non sabía por onde tirar, Wilde reconectoume co pracer de vivir. De ser novo, de ser honesto (ou non), de estar vivo. E de ler. E, sobre todo, de escribir. Lembro que viaxei a París, para darlle as grazas. E tamén lembro que foi precisamente alí, sentado diante da súa tumba, onde me atrevín a pensar. E se...?

Dan Brown, El código Da Vinci (2003) / Carlos Ruiz Zafón, La sombra del viento (2001)

Quen se atreve a citar estes dous libros nunha lista coma esta? Eu, por suposto. Negar o estudo de ambas obras sería totalmente deshonesto pola miña banda. Porque á fin e ao cabo ese foi sempre o meu xogo: facer que pareza un accidente... Sei que boa parte da crítica opina de min que nada máis son un fabricador de best-sellers á galega. E a min xa me parece ben, xa. Que o pensen... Porque, mentres nada máis se pense iso de min, non serei sospeitoso. Como desconfiar de alguén que non parece moito máis perigoso que un osiño de peluche? E, mentres sigan a ollar para o osiño de peluche, ninguén reparará nas serpes que estou soltando por debaixo da mesa. Busco que nada máis pareza entretido mentres, coma nun veleno deixado na orella do rei, vou ceibando a miña mensaxe. Que non é precisamente pacificadora... Eses dous libros aprendéronme os mecanismos para xogar ao despiste.

Domingo Villar, A praia dos afogados (2008)

Recordo o tempo en que empezaba a darlle voltas ás cousas, a cuestionarme por que en Galiza non tiñamos, precisamente, libros que fosen acollidos e recomendados de maneira masiva polo propio pobo, ao xeito dos best-sellers que constantemente nos chegaban de fóra. Por fortuna, todo cambiou cando Domingo publicou este libro. Xa tivera un certo éxito coa súa obra anterior, Ollos de auga. Pero A praia... veu para deixarnos a todos moi claro que o sistema literario galego tamén podía ofrecer e acoller best-sellers. Ese libro foi para min o trago de augardente bravo, a pelo, que tomas dun só golpe xusto antes de sacar a cabeza por riba da trincheira e botarte ao campo de batalla.

Rosalía de Castro, Follas novas (1880)

Sempre sentín unha fascinación especial por Rosalía, a mesma que a de quen contempla unha pirámide, sabedor de que, baixo toda o que ten de magnífico e colosal, agocha algo aínda maior, un tesouro, o segredo da súa esencia. E que, precisamente, boa parte dese segredo estaba aí xustamente, en Follas novas. Porque alén da personaxe está a persoa, do mesmo xeito que máis alá do mito está a verdade. E todo, persoa e verdade, é moito máis interesante, forte e brutal que calquera outra mandanga que nos contasen unha e outra vez, obstinado o canon en converter en verdades as mentiras a forza de repetírnolas unha e outra vez. Cando a xente me pregunta por que fixen tan violenta unha historia como a que se describe en A memoria da choiva, eu sempre respondo o mesmo: porque esa violencia xa a puxera aí Rosalía moito antes, en Follas novas.

Eduardo Mendoza, El enredo de la bolsa y la vida (2012)

«Mendoza é un dos meus autores máis admirados». Sei que a xente que adoita emitir este mesmo comentario, con frecuencia continúa o panexírico citando obras como La verdad sobre el caso Savolta, ou La ciudad de los prodigios. Pero non é o meu caso. Non é que pense que non son boas obras (que o son, moito) ou que a min non me gusten (que me gustan, moitísimo). É que se eu cito sempre a Eduardo é porque o que máis admiro del, por riba do seu enorme talento literario, é a súa capacidade para pasar dun xénero a outro como quen cambia de chaqueta, case sen despeinarse. E cito esta obra precisamente porque sei que, sendo unha das súas comedias, non é a mellor que ten (véxase, por exemplo, El misterio de la cripta embrujada). Pero creo que aí está precisamente a virtude: no erro. Mendoza apréndenos aos aspirantes a escritores que o creador ten todo o dereito do mundo a experimentar, a non encasillarse se non lle peta, a probar cousas novas, a equivocarse e, ao día seguinte, a erguerse para seguir traballando. Que tanta excelencia nin tanta gaita...

Pierre Lemaitre, Irene (2006)

Remato con Lemaitre porque é o último dos autores que me aprendeu que o escritor sempre pode ir máis alá. Coller os elementos máis básicos de calquera narración (personaxes, espazo, tempo...) e crear algo completamente novo a partir das relacións entre eses elementos, unhas relacións que parecían inamovibles desde hai máis de medio século. A capacidade para xa non só sorprender, senón mesmo romper en mil anacos a percepción tanto do lector como do aspirante a escritor é, simplemente, brutal.

 

«Tac, tac, tac», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Libraría NUMAX |