Libraría

Cecilia F. Santomé presenta "As despedidas" na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro As despedidas (Xerais) de Cecilia. F. Santomé o vindeiro xoves 23 de xaneiro ás 19:00h. A autora estará acompañada da escritora Berta Dávila. A entrada é libre ata completar aforo.

«O avó morreu hoxe. Ou quizais foi onte». Así, entre titubeos, arrinca esta crónica íntima dun dó con sabor a outro tempo. Un en que os defuntos eran velados nas casas, en que as capelas ardentes permanecían abertas día e noite e en que os curas eran salvadores de almas... e mesmo de pelellos cando a loxística non acompañaba. Velaquí setenta e dúas horas nunha burbulla de silencio, tristeza e fastío que se converten nun exercicio memorístico. Xestos, movementos e espazos que desencadean lembranzas, fiando unha elexía por quen marchou, pola propia infancia, por unha forma de vida que se esfarela no aire. E todo iso para chegar a unha conclusión: unha neta sen o seu avó é unha orfa de segunda.

Cecilia F. Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista. Leva anos desenvolvendo o seu interese pola palabra escrita en eidos diversos, desde a redacción de contidos dixitais á formación en biblioteconomía. A súa experiencia en proxectos de xornalismo colaborativo («Toonari Post», «55 Pages») inspirou a creación de «Coolt», revista en liña que codirixiu e editou entre os anos 2016 e 2018. En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato «34, Rue Saint Jacques». En 2021, foi recoñecida co 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por «As orfas daquel verán». «As despedidas» (Xerais, 2024) é a súa terceira novela, tras «Quérote. Eu tampouco» (Xerais, 2019) e «Unha rapaza de provincias» (Xerais, 2021).