NUMAX na Escola

«A arte non se ensina. Non hai un saber a partir do cal un poida dicir, explico un filme ou explico unha obra de arte… O que se pode facer é transmitir a relación que un ten cunha obra de arte. Sexa un cadro, unha película, unha escultura. Iso é ser un transmisor.» (Alain Bergala, La hipótesis del cine)

Desde o nacemento do Cinema NUMAX na primavera de 2015, unha parte importante dos nosos esforzos céntrase no desenvolvemento dunha liña de traballo que introduza o alumnado da cidade e concellos próximos na linguaxe do cinema, entendida esta como ferramenta educativa e, ao tempo, como expresión artística de pleno dereito. Así nace NUMAX na Escola, un catálogo de filmes posto a disposición do profesorado para a celebración de proxeccións en pantalla grande acompañadas de materiais didácticos específicos que permitan o desenvolvemento dos eixes artísticos e educativos contidos por cada obra. A consolidación da actividade, que pasou de 5 títulos iniciais aos case 60 actuais, dá lugar a un catálogo en constante renovación, con obras de calidade artística constratada en festivais internacionais e contidos transversais acordes ao currículo establecido nos distintos niveis educativos.

Educación infantil e primaria

A nosa proposta para as máis pequenas da clase inclúe unha trintena de filmes seleccionados nos máis prestixiosos festivais de cinema para crianzas. O catálogo estrutúrase en base ás idades mínimas recomendadas e inclúe información sobre os principais valores de cada fita. A maioría das pezas contan ademais con dobre versión, orixinal ou dobrada, para unha mellor adaptación á evolución lectora dos distintos niveis de ensino.

Descarga o catálogo en PDF

Educación secundaria e bacharelato

O catálogo para institutos ofrece un amplo catálogo de películas cunha contrastada calidade artística, que agrupamos por valores e eixos temáticos para unha doada adecuación ás necesidades curriculares do profesorado: educación en igualdade, desenvolvemento sostíbel, historia e presente, Novo Cinema Galego, etc. Todas as obras son proxectadas en versión orixinal, o que facilita a aprendizaxe de terceiros idiomas e, en moitos casos, con subtitulado ao galego.

Descarga o catálogo en PDF

Información de utilidade

  • Unha vez seleccionado o filme que se desexa visionar o profesor/a ao cargo da actividade deberá reservar a sesión no correo [email protected] ou chamando ao 698 17 03 77.
  • Antes da sesión farase entrega ao profesorado de materiais didácticos (unidades didácticas, actividades, making of, etc.)
  • O día da sesión haberá unha presentación do filme a cargo de persoal especializado de NUMAX e a entrega dunha folla de sala con información adicional do filme.
  • Horario: As sesións celebraranse de luns a venres en sesión matinal, preferentemente de 10:00 a 12:00 horas
  • Aforo: 70 butacas, profesorado incluído, máis un espazo para persoas con mobilidade reducida.
  • Prezo: 4€ por alumno/a,
  • Condicións válidas para grupos mínimos de 40 persoas. Para grupos con menos estudantes cómpre consultar tarifas.