A libraría

“A boa libraría é aquela na que cada vez se compra polo menos un libro, e moi frecuentemente non o que se tiña intención de mercar (ou non só ese). Como ves, nada máis sinxelo, pero tamén nada máis difícil de lograr para un libreiro"  (Roberto Calasso)

Libraría NUMAX abriu as súas portas en marzo de 2015.

Somos unha libraría de fondo e novidade que alberga máis de 6000 títulos nun espazo de 45m2. Traballamos por unha oferta ampla e diversa, a prol da bibliodiversidade. A nosa nutrida rede de distribuídoras permítenos poñer ao alcance dos nosos clientes libros que non circulan polo resto de librarías da cidade. Ademais, conscientes da importancia de ofrecer aos lectores o encontro con aquilo que buscaban sen sabelo, procuramos unha disposición que facilite a sorpresa e a descuberta, o que esixe un traballo que vai máis aló da disposición de títulos por editoras, creando distintas seccións que favorecen un percorrido organizado pola cultura impresa dos distintos saberes. Conscientes da importancia do fondo na libraría cultural, favorecemos un trafego continuo de libros en exposición que permite xerar ricos diálogos entre dito fondo e as novidades, por exemplo a través de mesas temáticas e outros espazos de exposición preferente.

O noso persoal conta con formación en Humanidades e cunha ampla experiencia no sector do libro, o que nos permite garantir un servizo profesional e de calidade.

Dispoñemos libraría online, cun catálogo que conta xa con máis de 29 mil referencias, con opción de recollida en tenda e servizo de envío (tamén internacional).

Tamén vendemos filmes (dvd e bluray) e música (Cd, vinilo), incluíndo artigos de importación, de venda exclusiva dentro do territorio español.

Compartimos local co Cinema NUMAX e temos un pequeno ambigú con servizo de café e outras bebidas.

Outros servizos

  • Xestión de pedidos de libros esgotados e descatalogados
  • Comandas internacionais: libro latinoamericano, títulos procedentes de Francia, UK, EEUU, Alemaña...
  • Propostas bibliográficas temáticas
  • Servizos a Bibliotecas: selección de novidades, xestión de comandas, facturación electrónica, garantía de compra responsable
  • Eventos: creamos librarías pop-up para eventos e festivais, realizando unha selección específica acorde cos contidos programados.
  • Presentacións de libros, dentro e fóra do noso espazo

RSE

  • Libraría NUMAX é unha das liñas de actividade económica de NUMAX S. Coop. Galega.
  • NUMAX é unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro: os nosos beneficios non se reparten entre as persoas socias, senón que se reinvisten no proxecto, garantindo o seu fortalecemento e viabilidade, e facendo posible que traballemos no eido cultural sen renunciar a unhas condicións laborais estables.
  • Traballamos dinamizando a nosa comunidade, no centro de Santiago, e procuramos colaborar e traballar conxuntamente con outros proxectos da economía social.
  • Formamos parte doutras entidades da economía social, como Espazo Coop, Coop57 ou Nosa Enerxía SCG.

Libraría NUMAX forma parte da rede de librarías españolas confederadas na CEGAL, a través da Federación de Librarías de Galicia.

Desde 2019 conta coa distinción Selo de Librarías de Calidade, certificación que outorga Acción Cultural Española (AC/E) e a Asociación de Cámaras do Libro de España.

 

Este proxecto recibiu unha axuda do Ministerio de Cultura e Deporte