A sala

O Cinema NUMAX conta cos últimos estándares de proxección dixital e cumpre as normas DCI para proxección en 4K. Está aberto de luns a domingo cunha primeira sesión matinal (12:00) e proxeccións o resto da xornada desde as 15:45 até a medianoite, agás os martes nos que non se celebra pase matinal.

O cinema NUMAX dispón de 70 butacas numeradas (fabricadas e instaladas pola Sociedade Cooperativa Obreira Ezcaray Internacional) + 1 praza para persoas con mobilidade reducida e pantalla ignífuga microperforada de 446x190 cms para un aspect ratio 2.35:1 Cinemascope.

Está equipado cun proxector SONY DCI 4K modelo SRX 515P, que permite a proxección de todos os estándares de cinema dixital e alta definición e dispón do seguinte equipamento de son profesional: Rack KCS SK-30P (F585); procesador Dolby CP750; 3 amplificadores QSC ISA750; 3 KCS 2 vías pasivo S-1500; 2 KCS C-118-PLP para subgraves e 6 KCS para ambiente surround SR-8-A.

As dúas ventás de proxección Spectra Glass habilitan a sala para actos e presentacións profesionais con vídeo de alta definición así como para a utilización de proxectores portátiles de 16mm. e 35mm. sen necesidade de modificar a configuración do proxector DCI.

A sala do Cinema NUMAX foi deseñada e executada por Hábitat Social.

O Cinema NUMAX liga a tradición dos cinemas de Arte e Ensaio coas estreas máis recentes e os novos cinemas de Pescuda (Recherche et Découverte), sendo a única sala de Galicia con proxeccións diarias sempre en Versión Orixinal. A súa programación aposta pola diversidade no tocante á linguaxe cinematográfica e tamén na procedencia dos filmes, cunha porcentaxe maioritaria de filmes europeos e de terceiros países. Nese sentido o cinema galego ten sempre un oco especial na grella, con frecuentes eventos nos que cineastas locais se encontran co público da sala. Outra liña fundamental de actuación é a exploración das posibilidades educativas do cinema, co desenvolvemento e consolidación do programa NUMAX na Escola.

 

Coa subvención da AGADIC a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual.

AGADIC

Aluguer de sala

Ofrecémosche a sala do Cinema NUMAX para presentar as túas longas e curtametraxes, para facer as presentacións e actos da túa entidade ou colectivo, para impartir cursos e conferencias, para pases de filmes e presentacións privadas, proxección de rushes, sneak previews e probas de proxección ou preestreas. Para o que queiras e precises.