Libraría

Afinidades Electivas 2025: encontro literario con Mayte Gómez Molina e Daniel Salgado

A investigadora, artista e escritora Mayte Gómez Molina e o xornalista e escritor Daniel Salgado estarán o venres 20 de xuño ás 20:00h na Libraría NUMAX para celebrar un encontro literario enmarcado dentro do programa Afinidades Electivas. A actividade está promovida pola Subdirección Xeral de Promoción do Libro, da Lectura e das Letras Españolas do Ministerio de Cultura.

Neste encontro, Mayte Gómez Molina e Daniel Salgado manterán unha conversa que xirará arredor da idea dos malestares contemporáneos, internet, a sensibilización ou deshumanización a través da imaxe, o agotamento da linguaxe ou a precariedade laboral e do pensamento crítico, temas que vertebran os seus discursos poéticos. Afinidades electivas é un programa de animación lectora promovido pola Subdirección Xeral de Promoción do Libro, da Lectura e das Letras Españolas do Ministerio de Cultura. Os seus obxectivos son, por unha parte, impulsar a actividade en librarías independentes, e por outra, apoiar a creación literaria promevendo a difusión lingüística e cultural. 

Mayte Gómez Molina (Madrid, 1993) é unha investigadora, artista de novos medios e escritora española cuxa práctica se centra na animación 3D, a realidade virtual e a imaxe dixital en movemento para explorar temas como o corpo como ente político, a percepción como contrato social, a construción da identidade en espazos tanxibles e dixitais e a visibilidade e invisibilidade como recursos para sobrevivir. As súas obras, películas e textos foron publicados e exhibidos en numerosos festivais e eventos ao redor do mundo. Becaria Fulbright 2019-2021, estudou un MFA en Cine, Vídeo, Novos Medios e Animación en The School of the Art Institute of Chicago. Actualmente, traballa como investigadora e artista dixital para o grupo de investigación CODED SECRETS: Artistic Interventions Hidden in the Digital Fabric, con sede no departamento de historia da arte do Karlsruher Institut für Technologie (Karlsruhe, Alemaña). No 2023 foi galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández polo libro Los trabajos sin Hérculos (Hiperion). En 2024 publicou Circuito cerrado de vigilancia (cielo santo).

Daniel Salgado (Monterroso, 1981) traballa como xornalista. Publicou os libros de poemas Sucede (2004), días no imperio (2004), Éxodo (2006), Os poemas de como se rompe todo (2007), Ascension (2010, con deseño e debuxos de Xosé Carlos Hidalgo), ruído de fondo (2012), Dos tempos sombrizos (2013) e O Gran Rexeitamento / Flores para Albert Ayler (2017). Coa poeta e ensaísta María do Cebreiro, deu ao prelo A Guerra (2013) e, da man dos artesáns Inés Pallares e Afonso Rodríguez Castro, ensaios (2015). Os seus poemas aparecen recollidos en numerosas antoloxías colectivas. Traduciu a Allen Gisnberg, Amiri Baraka, Lawrence Ferlinghetti ou Adrienne Rich ao galego e a Lois Pereiro, a quen tamén antologou, ao castelán. Escribiu letras para a banda de música electrónica Das Kapital.