Libraría

Andrés Magán presenta o cómic «El buen ciudadano» na Libraría NUMAX

O artista Andrés Magán presenta El buen ciudadano, cómic editado por Apa Apa. este xoves 21 de marzo ás 20h00 na Libraría NUMAX acompañado polo fanzineiro Juan Esturao. A entrada é libre ata completar aforo.

Juan M., cidadán exemplar e dono da librería en liña Libros Anticuo, cumpre dilixentemente co seu traballo mentres busca compañía nos libros. Un día, tratando de cumprir cun encargo, acaba envolto nunha viaxe espiritual que lle levará desde San Juan da Cruz ata as profundidades da internet, con xardineiros, cowboys, mestres Zen e paxaros sensibles, nun emocionante e a intres perigoso traxecto polas cavernas menos iluminadas da consciencia.

Nado en Vigo en 1989, Andrés Magán é graduado en Belas Artes e compaxina as artes visuais coa música, centrándose principalmente na pintura, o debuxo, a ilustración e, sobre todo, o cómic. Traballou para editoriais como Autsaider Cómics, Fosfatina, Ediciones Valientes, Colorama, Kuš!, Entropy Editions, Bang ou Apa Apa Cómics.