Libraría

Andrea Fernández Plata presenta «Jarroa» na Libraría NUMAX

A escritora Andrea Fernández Plata presenta Jarroa acompañada pola poeta Antía Otero o venres 26 de abril ás 19h00 na libraría NUMAX. A entrada é libre ata completar aforo.

Existe unha illa da que a xente non marcha, aínda que construísen unha ponte. E se o fan sempre volven, xa sexa en vida ou cos pés por diante. É unha illa que ata e aleita como unha nai colectiva. Nela viven mulleres que se afuman con loureiro despois de ir a un enterro, que non asubían de noite porque o asubío chama ao trasno, que pariron aos seus fillos nas casas baratas, feitas con area de praia. Illas dentro de illas. Mulleres que saben ver máis aló da vida e lavan aos nenos con herbas e lles quitan o mal do aire.

Jarroa é desencanto e enraizamento, volver ao lugar do que unha vez quixeches marchar. Nenas cos ollos moi grandes por onde se lles mete o mundo e os espíritos. Gheada, seseo, truque. Querer fuxir e quedarse dentro, facerse illa e deixar que a marea suba e baixe. Recuperar o que unha vez se perdeu: a vida e a morte bailando xuntas sen mirarse os pés. O cotiá, a memoria e os mitos mestúranse nunha novela sostida polos rituais dun pobo mariñeiro onde segue existindo unha sabedoría poderosa que as mulleres da illa xa coñecían antes de que chegase a ponte. Esa maxia fai de pegamento de todo un pobo. Jarroa é unha historia para manter á illa con vida.

Andrea Fernández Plata (A Illa de Arousa, 1985). Estudiou Comunicación Audiovisual e Publicidad en Madrid. Traballou como redactora para o Faro de Vigo. En 2009 estudiou gravado. En 2010 viaxou a Berlín cunha beca de fotografía e foi seleccionada nos premios Injuve de Ilustración. En 2012 volveu á Illa de Arousa e convirtiu o cuarto para gardar os apeiros de pesca dos seus avós nunha casa onde organiza talleres e residencias artísticas. En 2021 descubre a un montón de escritoras vivas que lle fascinan. Desenrédaselle algo dentro e escribe. Jarroa é a súa primeira novela.