Libraría

Carlos Lixó presenta «Rastros» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Rastros (Rodolfo e Priscila) de Carlos Lixó o mércores 18 de marzo ás 19:00h. O autor estará acompañado pola poeta Alba Cid e a escritora e editora Berta Dávila. A entrada é libre ata completar aforo. 

En Rastros, Carlos Lixó percorre milenios e xeografías para construír unha arqueoloxía imaxinaria do desexo. Convértese nun falso editor de documentos —cartas feudais, actas inquisitoriais, crónicas de conquista, lendas, diarios contemporáneos—, percorridos por un mesmo fío invisible: a violencia normativa sobre os corpos desviados e a maneira en que a historia os ordena e os castiga. Cada un dos relatos que compoñen este libro é unha peza autónoma e ao mesmo tempo unha cámara dun único arquivo imposible e asombroso. Cunha prosa afiada e brillante, sen concesións nin solemnidade, o autor propón un xogo serio no seu extraordinario debut na narrativa: volver ler o que sempre estivo escrito para procurar aquilo que preferimos non ver.

Carlos Lixó é escritor e docente. No 2017 foi merecedor do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé polo seu poemario As casas (Espiral Maior)No 2018 recibiu o premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo con "Alpabardas verdes".