Cinema

Proxección ao aire libre de «Daguerrotipos» e «Fai o que debas» no Festival C

Por terceiro ano seguido, o Cinema NUMAX sae á rúa con dúas proxeccións ao aire libre que terán lugar o martes 26 e mércores 27 de agosto no treito final da rúa Concepción Arenal, dentro do Festival C que organiza o Concello de Santiago. Os filmes proxectados serán Daguerrotipos, de Agnès Varda, e Fai o que debas, de Spike Lee. A entrada é libre e gratuíta e ambas proxeccións darán inicio ás 21:30h con posibilidade de reservar cadeira desde as 21:00h.

Un ano máis, o treito final da rúa Concepción Arenal vaise convertir nunha sala de cinema a ceo aberto con dúas sesións de cinema ao aire libre que celebramos dentro das actividades do Festival C do Concello de Santiago, coa colaboración na parte técnica das nosas amigas de Mr. Misto.

As proxeccións deste ano teñen como fío condutor a propia vida na rúa, a reivindicación do barrio como espazo cotián e de proximidade. A rúa Daguerre de París e o barrio de Brooklyn en Nova York dialogarán coa propia Concepción Arenal en dous pases únicos e irrepetibles.

Martes 26 de agosto | 21:30h
Daguerrotipos (Daguerréotypes, Agnès Varda, 80 min, 1976, VOSE)
Agnès Varda filma os comercios situados entre o número 70 e o número 90 da rúa Daguerre, no distrito 14º de París, onde ela vivía. Varda filma o carniceiro, a panadeira, o tendeiro do ultramarinos, o perruqueiro, nunha homenaxe sentida e carente de artificios á vida e ao traballo en comunidade. 

Martes 27 de agosto | 21:30h
Fai o que debas (Do the Right Thing, Spike Lee, 110 min, 1989, VOSE)
Con Rosie Perez, John Turturro, Spike Lee, Samuel L. Jackson, Danny Aiello
Nun dos barrios máis humildes de Brooklyn viven persoas afroamericanas, vietnamitas, hispanas e unha familia italoamericana que rexenta unha pizzería. Mookie traballa de repartidor e coñece ben o barrio, sendo testemuña das tensións e o racismo que agroma aos poucos entre o vencindario. Título de culto no que Spike Lee ofrece un retrato das tensións raciais na sociedade americana tan divertido como dialéctico, tan fermoso como brutal.