Cinema

Arranca o Foco Jean Renoir con 4 obras do mestre francés

Os martes do mes de abril terán como gran protagonista a un dos maiores xenios da historia do cinema: Jean Renoir. Do director francés proxectaremos 4 obras mestras pertencentes a diferentes etapas da súa extensa filmografía. Arrancamos o martes 1 de abril c'O crime do Señor Lange que se inclúe tamén nas actividades de celebración do 10º Aniversario da cooperativa.

Jean Renoir, fillo do célebre pintor impresionista Auguste Renoir, figura en calquera bibliografía como un dos nomes fundamentais da historia do cinema. Habitualmente destacado como un dos impulsores do realismo poético francés, canda outros grandes cineastas como Marcel Carné, Jean Vigo ou Julien Duvivier, a obra de Jean Renoir pasou por diferentes etapas ao longo de 5 décadas, nas que viviu o exilio aos Estados Unidos durante a ocupación alemá, filmou na India ou en Cinecittà e, finalmente, regresou a Francia na súa etapa de madurez. As 4 propostas do Foco Jean Renoir procuran achegar unha pequena mostra representativa do seu xenio creativo.

O foco arranca precisamente na súa etapa dourada, os anos 30, cunha das súas películas máis explicitamente militantes. O crime do Señor Lange foi estreado en 1936, o ano no que o Frente Popular toma o poder en Francia nun contexto internacional de auxe da extrema dereita. Jean Renoir, xunto co guionista Jacques Prévert, eran incondicionais defensores da causa antifascista e esta convicción imprímese nun filme que non dubida en defender a organización cooperativa da clase traballadora contra a explotación patronal. Alén diso, trátase dunha obra de extraordinaria inventiva que anticipa a mestría de Renoir no manexo da posta en escena que desenvolverá en filmes como A grande ilusión ou A regra do xogo. A cita é o martes 1 ás 19:45h e inclúese na celebración do aniversario de NUMAX.

Unha semana máis tarde, o martes 8, viaxamos até a India onde transcorre O río, unha película sobre o crecemento e a descuberta do amor e a perda por parte dunha moza adolescente. Como todas as obras de Renoir, o filme posúe unha calidade visual abraiante, cun technicolor que atopa nun gran río a metáfora perfecta para nos falar dos ciclos da vida.

A terceira proposta chegará o martes 15 e pertence á etapa final do director de Montmartre: French Cancan. Baseada en boa medida no estilo pictórico do seu pai Auguste, Jean Renoir mergúllanos aquí no ambiente dos cabarets parisinos de finais do século XIX para nos relatar a histórica fundación do Moulin Rouge, nunha obra que serve de homenaxe a Jean Gabin e Édit Piaf, esta última cun papel destacado no filme.

Rematamos esta breve pero intensa viaxe con Boudu salvado das augas, unha alfaia menos coñecida pertencente á primeira etapa sonora de Renoir na que o gran Michel Simon (L'Atalante) encarna a un vagabundo rescatado do río por un xeneroso libreiro.

Catro obras moi diferentes pero con moitos puntos en común xa que, como ben ten escrito o propio Renoir, "un director fai un só filme na súa vida, esnaquízao e volve facelo".

Calendario de proxeccións

Velaquí tes os horarios e títulos do programa para os que xa podes reservar butaca.

Martes 1 de abril | 19:45h
O crime do Señor Lange (Le crime de Monsieur Lange, 1936, 79')

Martes 8 de abril | 20:00h
O río (The River, 1951, 91')

Martes 15 de abril | 19:50h
French Cancan (French Cancan, 1955, 102')

Martes 22 de abril | 20:00h
Boudu salvado das augas (Boudu sauvé des eaux, 1932, 81')