NUMAX

Ven celebrar o 10º aniversario de NUMAX!

A cooperativa NUMAX cumpre 10 aniños e, para celebralo con todas vós, temos organizada unha semana de actividades que arranca o domingo 30 de marzo e culmina cunha xornada de portas abertas o sábado 5 de abril na que haberá música, cinema, talleres, actividades para crianzas e moito máis. Contamos contigo!

Nestes 10 anos de vida da cooperativa foron moitas as vivencias compartidas con todas vós e, para festexalo, queremos convidarte a unha semana de celebración do 10º Aniversario da cooperativa na que terá especial protagonismo a economía social. Para poñer o local a punto, contaremos coa intervención das amigas de Cestola na Cachola, cooperativa dedicada ao muralismo, a pintura e a ilustración que engalanará o noso escaparate cun deseño especial de aniversario. A intervención comezará o domingo 30 de marzo e prolongarase dúas ou tres xornadas nas que poderedes achegarvos para ver o seu traballo.

O martes 1 ás 19:45h proxectaremos O crime do Señor Lange, extraordinaria fábula política dirixida por Jean Renoir e gravada en 1935, ano de proclamación do Frente Popular co que o cineasta estaba incondicionalmente comprometido. A película retrata con moito sentido do humor a creación dunha cooperativa de traballadoras para recuperar unha imprenta parisina abandonada polo seu manipulador dono. Xa podes mercar entrada a través da nosa web.

O xoves 3 ás 19:30h recuperamos a primeira película proxectada na nosa sala e aquela que dá nome á cooperativa. Numax presenta... retrata o proceso de loita das traballadoras dunha fábrica de electrodomésticos que, tras o anuncio de peche patronal, foi xestionada en cooperativa polo cadro de persoal. O rexistro fílmico da experiencia foi encargada ao cineasta catalán Joaquim Jordà e sufragado a través da caixa de resistencia da Asemblea de Traballadoras de Numax. O pase terá acceso libre até completar aforo, pero xa podes reservar butaca a través da nosa web cun máximo de 2 convites por persoa.

Continúan os eventos na sala NUMAX o venres 4 ás 19:30h cun pase moi especial de cinema con música en directo. O filme a proxectar será Diarios del exilio, producido por Filmoteca Española e dirixido por Irene Gutiérrez a partir de gravacións domésticas de persoas exiliadas tras a Guerra Civil e nos anos da Ditadura. A película, que inclúe son e música propia, contará coa intervención musical en directo de Cristóbal Fernández e Marcos Flórez. O pase terá acceso gratuíto até completar aforo con opción de reserva de butaca a través da nosa web cun máximo de 2 convites por persoa. Neste caso non estará permitido acceder á sala unha vez iniciada a actuación polo que pregamos puntualidade.

Sábado 5: Xornada de portas abertas

A gran cita festiva chegará o sábado 5 de abril cunha xornada de portas abertas con actividades para todos os gustos e idades. Comezaremos o día na rúa, sumándonos á manifestación convocada por Xuntanza pola Vivenda Compostela que terá lugar ás 12:00h na Praza do Toural baixo o lema "Acabemos co negocio da vivenda".

Xa no número 9 de Concepción Arenal a partir das 13:30h celebraremos unha sesión vermú con acceso libre e picadiscos en vinilo a cargo de Pídechas o corpo.

Pola tarde, ás 16:30h, non faltarán as actividades para crianzas cunha programación especial de Petís MICE a cargo das programadoras da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico elaborada especialmente para a ocasión. Acceso gratuíto até completar aforo.

Ás 17:00h na Libraría arrancará un obradoiro de postais bordadas a cargo de Studio Variopinto no que poderás aprender a facer bordados sobre fotogramas dalgunhas das películas que máis nos emocionan.

Un pouco máis tarde, sobre as 17:45h, volveremos prender o proxector da sala coa última gañadora de Co- Festival Internacional de Cinema Cooperatiu que organizan as nosas irmás da sala barcelonesa Zumzeig Cinecooperativa. O filme a proxectar será Puta Mina, gravado no interior das minas de Ciñera, na cunca leonesa do Gordón, e contará con presentación e coloquio de Ana Uslenghi e Carla Blanco de Zumzeig. Acceso gratuíto até completar aforo.

A festa acollerá tamén cinema de carteleira coa flamante gañadora no Festival de Málaga a mellor película, actriz, actor e premio do público. Falamos de Sorda, de Eva Libertad, unha obra que retrata a vida dunha muller xorda que acaba de ser nai. O pase dará inicio ás 19:30h e contará coas tarifas habituais da sala se ben será gratuíto para as abonadas de NUMAX que deberán solicitar os seus convites no correo [email protected].

Completamos a tarde na Libraría ás 20:00h bailando ao son dos temazos do noso querido Cibrán.

Fin de festa no Camalea

A partir das 22:00h deixaremos o noso local de Concepción Arenal para movernos ao Bar Camalea (Praza de San Martiño, 4) onde arranca a noite coas pinchadas de La Isla del Tesoro e Tonita DJs.