Libraría

Juan Evaristo Valls presenta «Metafísica de la pereza» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación do ensaio Metafísica de la pereza (Ned) de Juan Evaristo Valls Boix o venres 24 de maio ás 20h00 da tarde. O autor estará acompañado polo profesor e filósofo Delmiro Rocha. A entrada é libre ata completar aforo.

Se en 1867 Marx sinalaba en El capital que o traballo era unha necesidade natural do ser humano, en 1883 o seu xenro Paul Lafargue falou do dereito á preguiza. Dende entón, o traballo constituíu tanto a forma de vida como a dominación xeralizada nas sociedades capitalistas, sen deixar sequera unha pausa para preguntarse se acaso a existencia continuaba máis alá da fábrica. «Fago películas para ocupar o meu tempo», escribiu máis tarde Marguerite Duras. «Se tivera a forza de non facer nada, non faría nada. Como non teño a forza de non ocuparme de nada, fago filmes». Este ensaio percorre as tentativas de artistas e escritores que criticaron a ideoloxía da productividade e defenderon a ociosidade e a preguiza como forma de resistencia ao goberno das nosas vidas. Dende as súas obras, a inacción e a inoperancia constitúen a forma máis alta de disidencia, nun cruce entre estética e política que non entende de revolucións, pero si da felicidade dos tempos mortos. Un libro exquisito ao alcance de toda persoa lectora que aspira a compoñer unha teoría xeral da vagancia.

«De Britney Spears a Søren Kierkegaard, pasando por Simone Weil, Anne Carson ou Judith Butler, a Metafísica de la pereza é un extraordinario diagnóstico do noso tempo. Unha vez comecei a lelo xa non puiden abandonar a súa prosa provocadora», dixo o profesor e filósofo Joan-Carles Mèlich.

Juan Evaristo Valls Boix é profesor de Antropoloxía Filosófica na Universidade Complutense de Madrid. Tamén impartiu clases como profesor de Estética e Filosofía contemporánea na Universidade de Barcelona e na BAU. Centro Universitario de Artes e Deseño, e foi investigador posdoutoral Margarita Salas na University of California-Riverside. É dobre doutor en Filosofía Contemporánea e Teoría da Literatura, e forma parte do grupo de investigación Pensamento Contemporáneo Posfundacional. Entre as súas publicacións, destacan os ensaios «Giorgio Agamben: Política sin obra» (Gedisa, 2020) e «Metafísica de la pereza» (NED Ediciones, 2022), así como a tradución, xunto con Laura Llevadot, do «Manifiesto anarcafeminista» de Chiara Bottici (NED Ediciones, 2021).