Libraría

Juan Meseguer, Alicia Francés e Alberte Branco presentan «Días de una cámara» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro Días de una cámara (ECAM) de Néstor Almendros o martes 8 de setembro ás 19:00h cos directores de fotografía Juan Meseguer, Alicia Francés e Alberte Branco. De seguido da presentación, ás 20:00h, proxectarase na sala de Cinema o filme La marquesa de O... (Eric Rohmer) dentro do Foco Néstor Almendros.

Días de una cámara é a tradución do libro Un homme à la caméra, de Néstor Almendros. A obra recolle escritos das súas memorias profesionais como director de fotografía, publicadas orixinalmente en España en 1982 e nunha segunda edición en 1990, ambas esgotadas desde hai xa moito tempo. 

En Días de una cámara, o autor ofrece as súas persoais e sinceras reflexións – de carácter técnico, estético e estilístico á vez – sobre cada un dos filmes nos que traballou como director de fotografía. Un itinerario apaixonante por obras da magnitude de A coleccionista, O pequeno salvaxe, A miña noite con Maud, As dúas inglesas e o amor, A marquesa de O..., Días do ceo, Kramer contra Kramer, Xeneral Idi Amin Dada ou A decisión de Sophie.

A presentación do libro vai contar coa participación de Juan Meseguer, Alicia Francés e Alberte Branco, profesionais da dirección de fotografía que colaboran connosco na elaboración do ciclo e que van presentar na sala de cinema cadanseu filme de cabeceira de Almendros

Juan Meseguer (Murcia, 1982)
Formado entre Murcia (técnico superior de Imaxe), Madrid (dirección e guión de documental no Instituto Nacional de Cine) e Barcelona (fotografía analóxica no Centre d’Imatge e dirección de fotografía no CECC -Centre d’Estudis Cinematográfics de Catalunya-), alternou desde cedo rodaxes como director de fotografía, case sempre no documental, con traballos como técnico de iluminación en rodaxes de maior orzamento. A partir de 2008 desenvolve varios proxectos en Palestina canda Ramzi Maqdisi entre os que destaca Defying my dissability, rodado West Bank e Gaza. Nesa altura filma tamén a curta Solomon’s Stone, que gaña o Mizna Arab Film Festival e a curta A strada di Raffael (Alessandro Falco), premiada en Locarno. Os seus traballos máis recentes como director de fotografía son Space Frankie (David Valero), Fuera de la ley (Rafa G. Sánchez), Remember My Name (Elena Molina), Memoria de los ríos (Lucía Laín), Home que foxe (Pablo Dopazo) e Planeta (Janek Speight). Como director levou a cabo os proxectos Povo inventado (2015), The Switchers (2017) e La última ruta (2019).

Alicia Francés (Vigo, 1991)
Comeza os seus estudos cinematográficos na escola de cinema para adolescentes Orson The Kid en 2006, onde roda como DP a curtametraxe Hoy es mi Cumpleaños, estreada en San Sebastián. Posteriormente estuda Direción de Fotografía no Instituto del Cine de Madrid (2010-2012). A súa carreira profesional comeza ese mesmo ano, 2010, e continúa ata a actualidade, coa dirección de fotografía de longametraxes documentais como Kiro (María Yáñez) e Hoxe e O Resto do Mundo (Cecilia Díaz). A súa primeira longametraxe de ficción atópase agora mesmo en fase de posprodución, dirixida por Rafa de los Arcos e producido por Matriuska. Durante anos combina o traballo de operadora en programas de TV e documentais, coa axudantía no departamento de fotografía en producións de ficción. Desde 2020 traballa como directora de fotografía e continúa traballar como operadora e DP de segundas unidades en proxectos como El Caso Asunta (Bambú, Netflix) ou La Bola Negra (Suma Content). 

Alberte Branco (Fene, 1970)
Técnico especialista en operacións de cámara e iluminación pola Escola de Imaxe e Son da Coruña e posgraduado en dirección de fotografía cinematográfica pola Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya. A súa paixón foi, é e será contar historias con imaxes en movemento. Na actualidade é membro activo na Asociación Española de Directoras y Directores de Fotografía (AEC) e membro da Academia Galega do Audiovisual (AGA). O seu traballo máis recente como director de fotografía de longametraxes é As Augas (Ledicia Sola) e ten traballado en diferentes proxectos de referencia do cinema galego contemporáneo, como A Foreign Song (César Souto), Ons (Alfonso Zarauza), Prefiro Condenarme Nación (Margarita Ledo), Arima (Jaione Camborda), A Estación Violenta (Anxos Fazáns), Las altas presiones (Ángel Santos), Os Fenómenos (Alfonso Zarauza), Dos Fragmentos/Eva (Ángel Santos) e Vilamor (Ignacio Vilar).