Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Agenciamientos ecológicos»

O mércores 19 de marzo ás 19:00h a Libraría NUMAX acolle a presentación de Agenciamientos ecológicos. Arte y gobernanza en la era de la crisis climática (Bartlebooth) coas investigadoras Natalia Balseiro, Brais Estévez e Fran Quiroga. A entrada é libre ata completar aforo.

Que capacidade teñen as comunidades para xestionar os seus recursos, enfrontar a crise ecolóxica e imaxinar alternativas futuras? Que formas de reconsiderar as relacións co ambiente, a natureza e outros seres podemos atopar? Que rol poden xogar a arte contemporánea e os procesos de participación pública para albiscar e mobilizar desexos cara á transformación social?

Agenciamientos ecológicos reúne ensaios, experiencias e propostas para rearticular as relacións entre comunidades, territorios e futuros viables a través de procesos artísticos. Busca recoñecer, en diferentes territorios e xeografías, prácticas, léxicos e discursos que poñen de manifesto a axencia das comunidades en procesos de autogoberno, poñer en cuestión as visións herdadas na concepción do que nos rodea e a capacidade da arte contemporánea e a participación comunitaria para catalizar novos relatos e narrativas cos que enfrontar a crise de imaxinación ante un futuro climático incerto.

Natalia Balseiro é investigadora, curadora e mediadora cultural desde fai máis de vinte anos, deseña procesos e proxectos de arte, cultura, participación, innovación democrática, mediación e desenvolvemento territorial e sectorial desde a administración pública e como profesional independente a nivel local, autonómico, estatal e internacional. O seu traballo caracterízase polo deseño colaborativo, de carácter estratéxico, coas comunidades locais e/o sectoriais, de forma situada nos territorios, pensando sempre na sustentabilidade futura e na súa conceptualización transversal e intersectorial.

Brais Estévez Vilariño é Doutor en Xeografía pola Universitat Autònoma de Barcelona. O seu traballo acontece na encrucillada entre a xeografía urbana, os estudos sociais da ciencia e a tecnoloxía e as perspectivas non representacionales. Interésase pola indagación etnográfica e as formas de colaboración epistémica e, sobre todo, pola pregunta sobre a vida en común en mundos mediados por infraestruturas, materialidades, corpos e saberes.

Fran Quiroga é investigador transdisciplinar. Entre as súas liñas de traballo están os cruces entre o activismo, a arte, a participación social e os comúns. É licenciado en ciencias políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, con estudos en universidades de Cork, Minho, A Coruña, ou Selecta e Master en Tecnoloxías da información. Co-dirixiu investigacións como Ruraldecolonizado, o Gabinete de Imaxinación Política, Festas Raras, o Programa de Estudos en Man Común (PEMAN), ou o #salóndoMARCO, coordinou o proxecto Naturalizarte en Guadalaviar (Teruel) e foi co-coordinador de Montenoso.