Servando Rocha presenta «De fuego cercada» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de De fuego cercada. Geografía secreta de Madrid (Alianza) de Servando Rocha o venres 28 de marzo ás 19:00h. O autor estará acompañado por Marcos Flórez. A entrada é libre ata completar aforo.
«Este é un libro sobre desaparicións. Practicamente todo o que aparecerá (edificios, lugares, persoas) xa non está, pero con todo segue aí», escribe Rocha ao comezo deste libro inclasificable, a medio camiño entre a crónica persoal, a guía insólita e psicoxeográfica e o caderno de bitácora. Un diario de viaxe ata os confíns de Madrid seguindo os «camiños do desexo», aqueles que crea espontaneamente o paso das persoas ou dos animais. Con este paseo, nun só día, téntase resolver a desaparición de José Ribalta Camós, un oftalmólogo que en 1916 decidiu camiñar en liña recta cara ao norte desde a Porta do Sol. O resultado é unha historia de historias, unha viaxe ao final da cidade que por momentos lembra a W.G. Sebald, Iain Sinclair ou a un Trapiello infinitamente máis intrincado e escuro.
Servando Rocha (Santa Cruz de La Palma, 1974) é escritor e editor de La Felguera. Participa desde hai máis de tres décadas en distintas expresións radicales relativas á creación artística e é autor de ensaios como La facción caníbal: historia del vandalismo ilustrado (2012), Todo el odio que tenía dentro (2021) o Algunas cosas oscuras y peligrosas (2019). Tamén investigou e escribiu sobre bandas de motoristas, terrorismo, sociedades secretas, psicoxeografía, maxia ou personaxes da cultura popular como Kurt Cobain, Myra Hindley ou William S. Burroughs, entre outros.
Foto: Leticia Hueda