Cinema

Primeira proxección en Santiago de «La Barraca de Lorca, xira por Galicia»

O luns 25 de outubro ás 20:45 celebramos o Día de Lorca en Galicia coa proxección do noticieiro La Barraca de Lorca, xira por Galicia (1932). O acto contará coa participación do editor Henrique Alvarellos e o fotohistoriador Carlos Castelao. O evento está apoiado pola Concellaría de Acción Cultural representada no acto pola concelleira Mercedes Rosón.

En 1932, a mítica compañía teatral La Barraca, dirixida por Federico García Lorca, emprendía unha xira por vilas e cidades de toda a Península que incluía numerosas poboacións galegas. Para dar conta do seu traballo, un noticieiro republicano acompañounos na xira, recollendo imaxes de indubidable valor histórico a cargo de Gonzalo Menéndez-Pidal. A fita, de 12 minutos de duración, inclúe o propio Lorca paseando por Vigo ou a montaxe dun escenario en plena Praza da Quintana compostelá. As imaxes proxectadas proceden do arquivo da Filmoteca da Generalitat Valenciana.

O acto, que terá lugar o luns 25 de outubro ás 20:45 en NUMAX, inclúe a proxección do noticieiro e unha conversa posterior con editor Henrique Alvarellos e o fotohistoriador Carlos Castelao, descubridores ambos das imaxes. Tamén participará a concelleira Mercedes Rosón da concellaría de Acción Cultural, entidade que apoia a actividade.

O pase é gratuíto até completar aforo, podéndose reservar praza desde hoxe mesmo na web de NUMAX ou na propia billeteira, cun máximo de 2 entradas por persoa.