Presentación e coloquio de «Mes amis espagnols» no Cinema NUMAX

Este mércores 9 de abril ás 19:40h celebramos un evento único coa proxección do filme Mes amis espagnols, con presentación e coloquio a cargo do seu autor, o cineasta suízo Adrien Bordone, xunto a Jesús Martínez e Domingo Rial, dous dos protagonistas da cinta. O filme chega á nosa pantalla tras gañar o premio a Mellor Filme na Sección Panorama do Festival de Ourense.
Mes amis espagnols rescata do esquecemento a historia de crianzas e adolescentes que medraron e foron escolarizados en Suíza, nunha contorna multicultural onde forxaron intensas amizades e, de súpeto, retornaron a Galicia coas súas familias. Este regreso, decidido polos seus país sen consultarlles, implicou separacións dolorosas e traumáticas que, coa distancia dos anos, son expostas neste documental.
O seu autor, Adrien Bordone, achégase a esta realidade desde o punto de vista do rapaz suízo que, sen entender por que, viu marchar para sempre os seus amigos de orixe galega. Seguindo as súas pegadas, o documental lévanos a terras de Betanzos e Bergantiños ou ás illas Canarias onde, desde as súas vidas de adultos, rememoran o drama da emigración que viviron na súa propia pel.
Para a proxección do filme en NUMAX contaremos coa presenza do seu autor, Adrien Bordone, acompañado de dous dos seus amigos de infancia, Jesús Martínez e Domingo Rial. Xa podes reservar butaca para este evento que terá lugar o mércores 9 ás 19:40h no Cinema NUMAX.