Libraría

Chyntia Menéndez presenta «Son coma glaciares os barcos de aceiro» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Chyntia Menéndez, Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia), o venres 11 de abril ás 19:00h. A autora estará acompañada da escritora Antía Otero. A entrada é libre ata completar aforo.

Son coma glaciares os barcos de aceiro é unha novela artesá, soldada con precisión liña a liña, palabra a palabra, como fan os traballadores coas chapas metálicas nas bancadas dos estaleiros.

Unha carta de amor ao Vigo industrial e combatente, aos fillos e fillas do traballo e da dignidade, a través dos recordos dun neno que medra entre as manifestacións, as folgas e a loita sindical a finais dos anos noventa.

Unha ofrenda ao Vigo todo azul, coma os uniformes dos traballadores, coma o ceo de día sobre a ría, coma o ceo de noite por riba dos guindastres, azul coma a lealdade, o compromiso, a nostalxia, a morriña; coma a saudade; azul coma o frío, as baleas baixo a auga azul, coma a tinta, coma o Celta, coma as revoltas obreiras. Coma os glaciares.

Cynthia Menéndez naceu en Vigo en 1993. Medrou no barrio do Calvario. Cursou estudos de inglés, francés, portugués e italiano en centros e universidades de Inglaterra, Gales, Francia, Os Estados Unidos, O Canadá e Portugal. Viaxa, le e escribe. É poeta e libreira. Son coma glaciares os barcos de aceiro é a súa primeira novela.