Libraría

NUMAX presenta a antoloxía «Un edén diferente» co editor Keith Payne e as poetas Ana Romaní e Cesar Souto

Este mércores 1 de decembro ás 20:15 a Libraría NUMAX acolle a presentación da antoloxía poética «Un edén diferente» (A Different Eden. Ecopoetry from Ireland and Galicia) editado por Keith Payne, Lorna Shaugnessy e Martín Veiga e publicado por Dedalus Press. No acto participará un dos editores do libro, Keith Payne, e as poetas Ana Romaní e Cesar Souto Vilanova.

Esta antoloxía de poemas irlandeses e galegos, Un edén diferente (A Different Eden. Ecopoetry from Ireland and Galicia), pregúntase como vivimos neste mundo, como celebramos a nosa relación íntima co ecosistema e con todos os seres vivos. Así, en diálogo entre nós e a nosa contorna, uns 40 poetas contemporáneos destes dous países falan desde a beira atlántica de Europa dun mundo danado e ameazado, nunha selección de poemas que pasan a través da lingua e das fronteiras, e que comparten a crenza de que un Edén diferente é posible. A presentación, que terá lugar o próximo mércores 1 de decembro ás 20:15 no espazo da Libraría NUMAX contará coa participación dun dos seus editores, Keith Payne, e as poetas Ana Romaní e Cesar Souto Vilanova. 

Para asistir ao acto é preciso reservar praza no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).