Alén dos silencios
- Estrea
- VO
Alén dos silencios
- Cineuropa 2026
- Estrea
O que comeza como un caderno de recordos familiares convértese nunha investigación sobre a memoria histórica. Cando a cineasta lle propón á súa avoa escribir as súas lembranzas, descobre que esta fora encarcerada cando era un bebé, xunto cos seus pais, no Vello Cárcere de Lugo durante a Guerra Civil. Tras comprobar o feito nos arquivos, a directora entrevista outras mulleres vinculadas á mesma cadea e descobre un fío común nos seus relatos: o silencio, transmitido de xeración en xeración, sobre as experiencias vividas durante a represión franquista. A película recupera estas historias persoais para iluminar unha memoria colectiva que permaneceu durante décadas sen contar.
Carmen P. G. Granxeiro é unha cineasta e creadora multidisciplinar. Traballa tanto na ficción como no documental, cunha perspectiva social e activista, e transforma a falta de recursos en decisións éticas e estéticas. Con Benvidas ao club (2019) obtivo o Premio Especial Biznaga de Prata «Afirmando os Dereitos das Mulleres» do Festival de Málaga. Entre os seus traballos figuran tamén Nun tempo de horta (2022), Alex and Munchie: contra o cisheteropatriarcado (2023) e Escenas dun consenso (2024), polo que recibiu o Premio Xohana Torres de Audiovisual en 2025. A súa actividade esténdese á videocreación e á literatura: publicou a novela "Estranxeiras" (Xerais, 2022), galardoada co II Premio Literario Pinto e Maragota.
- Título orixinal: Alén dos silencios
- Ano: 2025
- Duración: 86 minutos
- Idioma orixinal: Galego
- Dirección: Carmen P. G. Granxeiro
- Guión: Carmen P. G. Granxeiro
- Montaxe: Carmen P. G. Granxeiro
- Fotografía: Carmen P. G. Granxeiro
- Produtora: Carmen P. G. Granxeiro