Programa Curtas 2 (Espantos e desencantos + Na pel da memoria + Din que non falan + Lique + Habitar) + Presentación e coloquio
- Estrea
- DCP2K
- VO
Programa Curtas 2 (Espantos e desencantos + Na pel da memoria + Din que non falan + Lique + Habitar) + Presentación e coloquio
- Cineuropa 2023
- Estrea
- DCP2K
Espantos e desencantos
Ariadna Silva Fernández | 2023 | 8 min | DOC
Cruz ten unha horta, unha vaca e moitas árbores froiteiras. O seu acubillo é a súa casa. O mundo, en troques, está cheo de males que dalgún xeito terá que escorrentar.
Ariadna Silva Fernández (A Estrada). Graduada en Comunicación audiovisual pola Universitat Oberta de Catalunya, ten un mestrado en Fotografía artística e documental pola Escola TAI e un mestrado en Servizos culturais pola Universidade de Santiago de Compostela. No seu traballo fotográfico e audiovisual amosa unha ollada sensible e crítica arredor de temas de interese social. Investiga os conceptos de desmemoria, identidade e territorio desde o seu contexto máis próximo mediante proxectos que abordan os ecocidios, as paisaxes naturais e humanas ou a autobiografía. Sección Oficial do Festival Primavera de Cine 2023, Competición Galicia no Play-Doc International Film Festival 2023
Mariví, na pel da memoria
Coral Piñeiro / Laura Piñeiro | 2022 | 14 min | DOC
Unha correspondencia con Mariví Villaverde, filla do alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa. Con 14 anos, Mariví vese obrigada a exiliarse por mor do golpe de estado franquista. Ten a súa vida algo que ver coa da nosa remitente e protagonista? Son visibles as pegadas das persoas e das historias que nos precederon nos lugares onde medramos.
Coral Piñeiro e Laura Piñeiro (Vilagarcía de Arousa). Son dúas irmás xemelgas graduadas en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Logo de realizaren a súa primeira curtametraxe documental Dores, seleccionada na categoría DocsU do DocsBarcelona e premiada polo público no OUFF, dirixen parte da súa carreira ao achegamento do pasado e da memoria histórica ás novas xeracións, creando a Asociación Memoria e Cinema. Mellor Curtametraxe de non ficción no Festival de Cans 2023
Din que non falan
Santos Díaz | 2023 | 17 min | FIC
Aos pés dun outeiro no límite da cidade, dous vellos amigos pasan o tempo sentados nun penedo. Máis tarde, dous mozos ocupan ese mesmo lugar. Sucédense as conversas, que revelan suxestivos paralelismos sobre as súas vidas e sentimentos. Co caer do día, unha muller madura, evocando lembranzas e poesía, confirma certo misterio que o envolve todo: natureza, corpos e palabras.
Santos Díaz (Vigo). Licenciouse en Historia e en Dirección de cinema no CECC de Barcelona, onde rodou as súas primeiras curtametraxes. No 2006 mudouse a Madrid, onde traballou en varios encargos audiovisuais. A súa curtametraxe A liña política estreouse en Locarno no 2015 e pasou por certames como Alcine, Zinebi ou Huesca. Máis tarde estreou Os prexuízos da auga (2020) e actualmente prepara a súa primeira longametraxe.
Lique
Anita Pico | 2022 | 14 min | FIC
Helena, unha ambiciosa botánica, chega ás Illas Cíes acompañada da súa parella e disposta a pasar unhas pequenas vacacións. Na idílica paisaxe, a rapaza atopa unha flor; unha especie que cambiará o seu futuro
Anita Pico (A Coruña). Dirixe Lique, a súa terceira curtametraxe, tras Blacks or Whites (2019), estreada no British Film Institute de Londres, e What a Circus (2020), curta da BBC rodada no seu programa de novos talentos. No 2022 bota a andar o seu estudio creativo audiovisual Henfunk Studio e compaxina o seu labor como guionista cos seus proxectos de ficción e anuncios publicitarios. Premio Talento Emerxente para Anita Pico no John Balan Fest 2023
Habitar
Anxos Fazáns | 2023 | 15 min | DOC
Habitar trata de responder a preguntas sobre a construción das nosas identidades a través do retrato íntimo de persoas transxénero e non binarias de Galicia.
Anxos Fazáns (Pontevedra). Estudou Comunicación Audiovisual na Uvigo, un mestrado de Dirección de Cine na ESCAC e o mestrado en Arte Contemporánea, Creación e Investigación, tamén da Uvigo. Coa súa primeira longametraxe, A estación violenta, recibiu oito candidaturas aos Premios Mestre Mateo da Academia Galega. No 2019 estreou a curtametraxe Analóxica, producida por Erika Lust, que se programou en seccións competitivas de BAFICI e Curtocircuíto.
- Título orixinal: Programa Curtas 2
- Ano: 2023
- Duración: 67 minutos
- Idioma orixinal: Galego