Panorama Curtas Galegas 2

  • Estrea
  • VO

Panorama Curtas Galegas 2

A fotografía velada é espazo para unha proposta de memoria
Sabela Eiriz | 2024 | 10 min | DOC
Este ensaio visual explora a intersección entre a memoria e a fotografía tomando como punto de partida a fascinación e a frustración polas imaxes erradas provocadas por fallos técnicos ou accidentais. Estas distorsións levan a cuestionar a capacidade da fotografía para capturar e preservar   a memoria. Inicialmente, constrúese unha narrativa hipotética a partir das abstraccións xeradas por esas imaxes, e, posteriormente, interveñen as diapositivas. Os erros producidos pola cámara reflíctense como metáforas da memoria: fráxil, imperfecta e suxeita á reinterpretación co paso do  tempo.
Mención do Xurado en Curtocircuíto 2024

Arde Aral
Alberte Pagán | 2024 | 36 min
Arde Aral é a vixésimo terceira entrega da serie Superfícies. A película utiliza imaxes gravadas nas beiras kazaka e uzbeka do Mar de Aral, proxectadas sobre leite (superficies líquidas e refilmadas), co que transforma a pantalla nun lenzo plástico. Mentres unha voz reflexiona sobre a viaxe, as imaxes e o son alternan entre a harmonía e a disonancia.

Queimar cando morra
Inés Pintor Sierra | 2024 | 12 min
O 11 de agosto do 2020 falece a miña avoa Encarna. Ao baleirarmos a súa casa, atopamos un paquete nun armario do seu cuarto acompañado dunha nota que dicía: «Queimar cando morra, painoso e ao lume». Ao abrilo, comecei a reconstruír a súa historia, a nosa historia familiar. A vida dunha muller, e de todas as mulleres que naceron nos anos 30, que casaban e tiñan fillos. Este proxecto é unha reflexión sobre a familia a través das imaxes de Súper 8 e as fotos que atopei nese paquete, e tamén unha reflexión sobre como lembramos as nosas vivencias persoais e como o pasado familiar nos marca no presente. O importante non é o que nos deixan os nosos seres queridos ao marcharen, senón o que nós xeramos con eses recordos.
Mellor curta documental no Festival de Curtametraxes de Torrelavega 2024

Taquión
Miguel Barcia | 2024 | 4 min
Un mozo constrúe unha máquina do tempo coa que viaxa a través das lembranzas dos seus devanceiros, explorando distintos momentos da historia familiar. A peculiaridade desta viaxe no tempo é que os recordos aparecen fragmentados e deformados, representados por unha mestura de vídeos caseiros e fotogramas impresos e escaneados. Esta técnica visual suxire a fraxilidade e distorsión da memoria ao longo do tempo, achegando unha perspectiva única sobre a relación entre pasado e presente.
Premio Novas Camadas no Festival de Cans 2024 | Premio Xuventude Crea 2023

  • Título orixinal: Panorama Curtas Galegas 2
  • Ano: 2023
  • Duración: 62 minutos
  • Idioma orixinal: Galego
  • Dirección: Sabela Eiriz, Alberte Pagán, Inés Pintor Sierra, Miguel Barcia