Backyard / Islandia, ano cero

  • Estrea
  • HD
  • VOSE

Backyard / Islandia, ano cero

Backyard

Árni Sveinsson | 2010 | Islandia | Documental | 74 min. | Islandés

Un raparigo chamado Árni Rúnar decide xuntar un feixe de bandas na súa casa e facer unha gravación caseira en vivo. Esa idea é a que está na base desta película. Así, Rúnar enche o pequeno alpendre que utiliza de estudo con equipos e reza para que faga bo tempo. Convida todos os seus veciños e prepara pizza, magdalenas e filloas. E de súpeto, os mellores músicos islandeses da súa xeración aparecen para tocar, e proporciónannos desta maneira unha mirada única cara á variada escena musical do Reikjavik do verán de 2009. O que Árni captou perfectamente era que en Reikjavik estaba a pasar algo interesante nese momento, talvez tan ou máis interesante que o movemento que deu lugar a outro documental de culto entre os islandeses: Rock in Reykjavik. Pero aquilo era punk rock e eran os anos 80. A fins de 2009 a escena é variada e o que abunda é a boa enerxía. Pero sobre todas as cousas o que hai aquí é unha xeración que a pesar das profundas diferenzas estéticas comparte unha amizade, unha mentalidade e un gusto pola música que supera calquera diferenza superficial.

Iceland, Year Zero / Islandia, ano cero

Sigurður Hallmar Magnússon & Armande Chollat-Namy | 2012 | Islandia, República Checa, Francia | Documental | 52 min. | Islandés

En outubro de 2008 os tres principais bancos de Islandia colapsaron, para levar o país á bancarrota; miles de persoas perderon os seus traballos, os seus aforros e as súas esperanzas. Os prezos duplicáronse -e mesmo triplicaron- e os ingresos caeron abruptamente. Mentres os bancos se incautaban das casas e dos vehículos dos cidadáns, porque ninguén podía pagar os xuros bancarios, o Estado fíxose cargo das entidades financeiras a medida que estas entraban en bancarrota. Unha moderna traxicomedia capitalista. Islandia, unha nación que era considerada dentro das máis ricas e desenvolvidas do mundo capitalista, enfrontábase a unha era de incerteza política e moral. Nunha terra onde a riqueza é considerada unha virtude, quen é o verdadeiro culpable do avarento sistema bancario? É a reavaliación dos valores capitalistas o mellor que lle pasou á sociedade islandesa? Islandia, ano cero non é unha análise económica da quebra dun país, senón un documental sobre as persoas que se ven obrigadas a loitar coas consecuencias do colapso económico. Un retrato dunha nación dos nosos tempos nun punto de inflexión.

  • Título orixinal: Backyard / Iceland Year Zero