Curtocircuíto 2022: Letícia Ramos 1
- Estrea
- VO
Curtocircuíto 2022: Letícia Ramos 1
- Curtocircuíto 2022
- Estrea
Letícia Ramos
Leticia Ramos é científica da arte. Unha viaxeira que percorre os séculos revolucionando a invención sobre as formas de representación do mundo. Constrúe, a partir de eventos históricos e fenómenos naturais, conexións simbólicas entre política, ciencia e imaxinación, nas que se cruzan futuro e pasado. Na súa investigación sobre fotografía analóxica usa escultura, maquetas e efectos especiais para crear paisaxes imaxinarias; relatos e fabulacións que cobran vida mediante fotografía, película e instalación.
Os seus traballos foron expostos en espazos como a Tate Modern, Moreira Salles Institute, Itaú Cultural, Fundación Iberê Camargo, Berardo Collection Museum, CAPC Musée d’art Contemporain (Bordeaux) e Pivô Art Center. Forman parte de coleccións como as da Fundación Botín, Itaú Cultural, Nouveau Musée de Monaco, Museu de Arte Moderna de São Paulo, Museu de Arte Moderna do Rio de Janeiro e a Pinacoteca do Estado de São Paulo.
Para un investigador da natureza, non é difícil simular un fenómeno
Letícia Ramos | 2018 | 07:41 | Brasil
O filme experimento recrea a fórmula presente no libro de Immanuel Kant Escritos sobre o terremoto de Lisboa, no cal describe o proceso químico da simulación dun terremoto: "Non é difícil para un investigador da natureza simular os fenómenos. Tomemos vinte e cinco libras de serradura de ferro, outras tantas de xofre, e mesturémolas con auga corrente. De seguido, enterremos a masa resultante a unha profundidade dun pé, ou de pé e medio, e esmaguemos ben a terra que a cobre. Transcorridas algunhas horas, poderemos observar a liberación dun fume espeso, así como un estremecemento da terra, e a aparición das chamas no chan".
Estrea en España
ERBF-Cámara de instantáneas secuenciais (1,2,3,4)
Letícia Ramos | 2007 | 04:26 | Brasil
Empregando unha cámara cinematográfica estenopeica de 35 mm con 24 perforacións (construída polo propio artista), o proxecto ERBF captura imaxes panorámicas pouco comúns na cidade de São Paulo, centrando de xeito prioritario as torres de telefonía móbil. O resultado deste proceso son 5 películas cunha duración de un minuto que retratan a "cidade das torres".
Estrea en España
A Noite Azul
Letícia Ramos | 2017 | 05:31 | Brasil
Arredor de 1827, Hercule Florence escribía no seu caderno de bitácora: "Viagem Fluvial do Tietê ao Amazonas", e describía unha rexión de formacións rochosas abruptas cerca da montaña de São Geronimo. Subindo e baixando fervenzas nunha arriscada viaxe, Hercule parou uns momentos para observar e debuxar a sorprendente paisaxe. Foi, probablemente, o momento máis máxico da súa expedición. A película A noite azul reconstrúe o movemento das estrelas, as nubes e as sombras detrás das emblemáticas pedras da Chapada Diamantina. Inspirada nos tableaux transparents e nas imaxes estereoscópicas, a película reproduce unha noite imaxinaria perdida no tempo e no espazo.
Estrea en España
Gran
Letícia Ramos | 2016 | 07:37 | Brasil
O filme conta a historia dunha colonia humana nun planeta descoñecido, onde foi construído un vello silo de cereais. Diversos fenómenos naturais e cambios no clima fan que o silo rompa, e que, a partir del, naza unha estraña plantación. O filme gañou o premio "Videoart Award" da Fundación Joaquim Nabuco. O artista desenvolveu maquetas e manipulou imaxes de arquivos microscópicos para completar o proxecto nun estudo aberto en PIVÔ - Arte e Investigación en São Paulo, Brasil.
Estrea en España
Futuro do pretérito
Letícia Ramos | 2012 | 04:40 | Brasil
O bucle fílmico Futuro do pretérito é parte do proxecto Black Desert, no cal Leticia Ramos continúa a súa investigación para a creación de ficcións de aparencia totalmente científica e de factura analóxica. Esta operación, na cal o irreal se volve verosímil, serve para que a artista cuestione a construción da historia e a nosa relación co sensible, o visible e a memoria. A exploración de paisaxes evocadoramente limítrofes e, ao mesmo tempo, tamén límites nas súas posibilidades de albergar vida humana (territorios volcánicos, mesetas xélidas, etc.), serve de fío condutor que, a modo de aventura marabillosa, nos achega xa non tanto ao descoñecido senón a como o enfrontamos.
Estrea en España
- Título orixinal: Curtocircuíto 2022: Letícia Ramos 1
- Duración: 30 minutos
- Idioma orixinal: Portugués
- Dirección: Letícia Ramos
- Distribuidora: Curtocircuíto