No seu lugar, outro

  • Estrea
  • DCP2K
  • VO

No seu lugar, outro

  • Estrea
  • DCP2K
O proxecto "No seu lugar, outro" pon en contacto a escritoras e cineastas para ofrecer unha ollada diversa e variada do territorio galego. A sesión inclúe tres curtametraxes creadas a catro mans polas parellas creativas formadas por Coral Piñeiro e Lucía Aldao; Álvaro Gago e Berta Dávila; Fran Rodríguez e Keith Payne.
 
Cres en pantasmas?
Álvaro Gago / Berta Dávila, 9 min
Con León Gago, Paulo Alonso, María Vázquez, Iria Pinheiro, Xosé Barato
Dúas persoas percorren os pasadizos esquecidos das antigas galerías comerciais de Santiago de Compostela. O paseo é unha especie de soño raro onde o presente, a memoria e a fábula conflúen sen fronteiras claras. Ao mesmo tempo —ou quizais non— dous nenos corren e xogan neses corredores subterráneos, facéndonos partícipes dunha maneira distinta de mirar o mundo e axudándonos a proxectar a cidade imaxinaria que Compostela pode ser, erguida sobre as historias e os espazos nos que ninguén parece deterse.
 
O gran Babylon
Fran Rodríguez Casal / Keith Payne, 12 min
Con Su Garrido Pombo, Leitica Blanco, Abdelilah Baatti, Keith Payne
Unha sinfonía dun fungo. Ou dunha cidade. Personaxes discorren por ela un día máis. Ou cianobacterias. As súas vidas pode que estean conectadas. Ou non. Uns chegan. Outros marchan. E, mentres tanto, as chemineas fumegan.
 
O barrio dos Maios
Coral Piñeiro / Lucía Aldao, 10 min
Con Meron Núñez, Fernando Aldao, Teo Aldao, Marco Aldao, Marta Insua, Claudia Berro, Maricarmen González Vázquez
Entre as arterias de saída da Coruña está o Barrio dos Mallos, fogar da nova clase traballadora procedente do rural e berce da poeta Lucía Aldao. Nesta peza, Coral Piñeiro reinterpreta coas súas imaxes as palabras de Lucía e xuntas exploran o barrio como espazo de memoria, identidade e transformación. Despois de décadas de "humanización", é hoxe máis humano ca nunca? Que significa ser unha tipa de barrio? Como chegamos ata aquí?
  • Título orixinal: No seu lugar, outro
  • Ano: 2025
  • Duración: 31 minutos
  • Idioma orixinal: Galego
  • Dirección: VV.AA.