Curtocircuíto 2022: Terra 1 | Marta Valverde

  • Estrea
  • VO

Curtocircuíto 2022: Terra 1 | Marta Valverde

Marta Valverde
"Desenvolvo o meu traballo nos ocos. Parto da autobiografía para tratar temas como a precariedade, a violencia, o traballo e o problema da representación dende unha perspectiva feminista. Xogo coa imaxe fílmica do cine en vivo e dos documentais, sempre seducida pola hibridación e polas formas impuras".

Marta Valverde é licenciada pola UPV/EHU no Mestrado de Arte Performativa Tecnolóxica Contemporánea e pola Escuela Sur e a UC3M no Mestrado de Artes e Profesións Artísticas. 

Cocreadora do espazo Fuck this Studio en Vigo, compaxina a produción das súas propias pezas audiovisuais con outros traballos como VJ en eventos musicais (Xabier Díaz e Luar na Lubre), performances e teatro (por exemplo Mercaderes de Babel de Carlos Aladro ou Paxaros no cabo de Pistacatro), asistente de montaxe (María y los demás, Gallo) e asistente de dirección (Ursúas).

Videntes namoradas

Marta Valverde | 2021 | 02:44 | España | VID | COR

Videoclip para a banda de música Chicharrón.

Blanco e Fucsia

Marta Valverde | 2020 | 10:44 | España | EXP | COR

Chego a casa, tarde outra vez, do meu traballo mal pagado. Abro a neveira e recordo que non só non me deu o tempo para facer hoxe un tupper, senón que tampouco me deu para ir á compra. Estamos a final de mes e non me dan os cartos para comer fóra. Ollo (con fame) os estantes dos meus compañeiros de piso, pero non hai nada que lles poida roubar sen que se decaten. Ao final, cozo pasta con pesto e vouna comer ao meu cuarto. A miña parede, chea de pósters, fotografías e debuxos, é unha ventá a outro espazo. Pecho os ollos e xa non estou alí: estou en calquera outro tempo, en calquera outro lugar.

1 de 8000

Marta Valverde | 2019 | 08:36 | España | EXP | COR

Papá traballa nunha fábrica de pezas para motores de coches. Fabrica, exactamente, 8.000 pezas ao día. Papá non dá entendido o que fai a súa filla con esa cámara, pero sabe que, ao final, o que precisan é máis cartos.

O tempo suspendido

Marta Valverde | 2017 | 02:40 | España | EXP | COR

O río e un lugar de ocio familiar. Pero tamén é un espazo para conectar coa natureza e a propia esencia animal. A corrente funciona como o metrónomo das pulsacións humanas.

16-11-2016/ 13-5-2017

Marta Valverde | 2017 | 17:25 | España | EXP | COR

16-11-2016/ 13-5-2017- Dúas datas que delimitan o período de tempo que abarca este vídeo diario, un apunte autobiográfico nun caderno levado ao soporte audiovisual. Unha narración en directo que se vai despregando como calquera historia contada de xeito oral. A colcha da cama da túa avoa, as charlas na terraza do teu piso de estudante ou a persoa coa que ás veces compartías a cama.

Resiliencia

Marta Valverde | 2016 | 06:34 | España | EXP | COR

A resiliencia é a enerxía de deformación que pode ser recuperada dun corpo deformado cando cesa o esforzo que causa a deformación. En psicoloxía refírese á capacidade do ser humano para sobreporse ao dolor emocional tras un suceso traumático. Esta peza é un estudio das deformacións de cor e forma que sofre a superficie da auga do río Lérez. Privada de referencias ao contexto no que que foi tomada, a imaxe do ría abstráese para dar paso á cadencia hipnótica do movemento da auga. Un paseo puramente visual polo río Lérez. Un proceso de resiliencia persoal.

  • Título orixinal: Curtocircuíto 2022: Terra 1 | Marta Valverde
  • Duración: 49 minutos
  • Idioma orixinal: Español
  • Dirección: Marta Valverde