Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

8 super 8: DVD + libro, pasado presente e futuro do cinematógrafo que cabe nun peto

8º aniversario do festival S8
idiomas: español, inglés

8 super 8 super 8 super 8 super 8 super 8…

O ano do loop do infinito, os 8 anos que celebra o super 8 son os que incitaron esta publicación que sacamos á luz con gran alegría, lembrando as edicións pasadas, e pensando nas que virán. 8 super 8 é unha publicación especial do (S8) que continúa e amplía unha liña xa presente nalgunhas edicións pasadas, e grazas á que editamos fanzines como Una tarde con Caldini, New Paintings by Ken Jacobs e a tradución do libro de Daïchi Saïto Moving the Sleeping Images of Things Towards the Light. Nesta ocasión o formato amplíase e desprégase por dúas vertentes: por unha banda, un DVD cos retratos de moitos dos artistas e programadores que pasaron polo festival, feitos en super 8, e que por primeira vez verán a luz nunha montaxe especial para a ocasión. Desde a primeira edición no Cárcere, ata a do ano 2016, fomos colleitando recordos e impresións en super 8 de moitos deles, sendo o mesmo acto de retratar tamén un xesto de intimidade cos retratados. É, por tanto, unha fermosa colección de recordos captados da mellor forma que podemos pensar, lonxe das présas e a inmediatez, e próxima ao azar, ao traballo paciente e á acción do soporte fotoquímico.

A segunda vertente da publicación é un libro, no que se convidou a colaborar a persoas que traballan ou traballaron en (ou en torno ao) super 8. Unha invitación para escribir, debuxar ou expresar en fotogramas unha sorte de carta de amor ao formato, e á relación de cada un dos colaboradores con el. É así como a publicación recolle desde historias persoais e vitais ata exemplos de escritura automática, coleccións de citas, debuxos, colaxes, textos recuperados (como o manifesto de George Kuchar) ou pequenas homenaxes privadas (esa é a razón pola que o libro se pecha con 4 fotogramas do Arrebato de Zulueta). Desde persoas que estiveron no festival, ata outras que nos gustaría ter aquí nun futuro, ou autores que, aínda que xa non estean entre nós, quixemos ter pola resonancia dos seus traballos nas nosas vidas. Todo un colorido mosaico de impresións únicas, especiais, e nun 90 % inéditas, que xunto co DVD constitúen para nós unha particular lembranza á vez que un estímulo para o futuro.
  • Editorial: Festival S8 |
  • Idioma: español |