Corazón de vaca e outras vísceras
_sobre este livro
Corazón de vaca e outras visceras
Andreia Costas
Todo aconteceu unha noite de tronada. Estabamos a navegar
e sentín que afundiamos. Preguei:
Santa Bárbara do ceo
que es a máis bendita
sácanos deste apuro
ou déixote, maldita
A vela da dorna rachou cun lóstrego. Berrei:
Xaime, achica!
Compadre, é moita auga!
A nube alacrán achegouse á Santa. Rebulían xuntos. Da
turbina celeste caeu unha vaca. Asímonos ao rabo da Rubia
que nadaba salva. Deixounos na praia. Por iso ti te chamas
Bárbara.
Outra vez, avó!
A nena chuchou a crema de leite. Escoitaba.
(Milagre con vaca, páxina 28.)
Exótica, misteriosa e, por veces, implacable, a prosa de Andreia Costas non deixa indiferente pola súa forza e atrevemento. É incisiva e mais tamén sutil por momentos e, por riba de todo, traslada a espazos moi persoais que nos convida a descubrir.
En Corazón de vaca e outras vísceras, a autora presenta un conxunto de relatos onde inflorescencias de gran porte se compaxinan con gromos de vidas inquietantes ou tristes que nos fan ollar ao chan para comprender a súa furia, como deixados por un inesperado e violento refacho de aire.
Este libro que agora nos ofrece Andreia Costas caracterízase pola ausencia de medo; por unha creatividade que consegue contravir a orde preestablecida da ortodoxia das convencións (tamén das literarias). A autora chouta estes límites na procura dun estilo de seu, recoñecible, que a distingue do tumulto. Un selo propio, infrecuente, tamén, nas plumas do universo literario no que se vén presentar.
María Xosé Porteiro
- Editorial: çEditora Urutau |
- Idioma: castelán |
- ISBN: 978-65-87938-20-2 |