Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

Maks

Aventuras espaciais de T e Ronni

Coma un regreso aos tebeos, ás viñetas que contaban aventuras de piratas e viaxes espaciais, con fantasía e humor, os debuxos de Maks cambian a orde esperada, introducen a sorpresa. ¿Quen ía pensar que no espazo podería haber un Furancho Subterráneo? Os protagonistas, T e Ronni, un cabaleiro e o seu escudeiro, navegan cara ao planeta Tibi, enfróntanse con enxeño a perigos e situacións extraordinarios.

En Aventuras espaciais de T e Ronni amósase a precocidade dun debuxante con gusto pola composición das viñetas, da páxina e da escena, despreocupándose da marcha da historia, que queda nas mans do humor e fai innecesario respectar a convención da lóxica narrativa, substituída pola alusión humorística a referencias moi presentes na mente de quen le e de quen, sobre todo, mira. Porque, no cómic, a mirada ten unha dirección e un senso, a diferenza da contemplación en pintura, que carece desa intención.

Composición de páxina, sintaxe ás veces afouta que non racha coa convención do cómic, papel lúdico e humorístico dos modelos adoptados como referencia: a intuición precoz de Maks xorde dunha apredizaxe inextricablemente unida á vivencia, non dunha apredizaxe curricular nin académica. No seu caso, o debuxo forma parte da vida, é un xogo que recupera a anterga relación entre ludus e aprendizaxe, unha relación na que o lúdico da alusión vai indisolublemente unido a ese asumir algo como propio que está na base de toda aprendizaxe xenuína.

Un cómic que volve con azos novos a un xeito de debuxar no que a liña se solta e os personaxes se fan tan familiares que acaban por ser abraiantemente persoais. No ronsel de
Gilbert Sheldon e das pioneiras tiras dos xornais. Sen efectos secundarios e recomendadas para calquera idade, estas historias son unha pílula para recuperar o sorriso.
  • Editorial: Euseino? |
  • Páxinas: 48 |
  • Dimensións: 200x280 |
  • Idioma: castelán |
  • ISBN: 978-84-121580-7-6 |