Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

Dunn, Douglas

Selected Poems by Douglas Dunn / Poemas Escollidos de Douglas Dunn

Mª Dolores Armental, natural de Boiro, filóloga e profesora, pon nas nosas mans a tradución galega dunha escolma do poeta Douglas Dunn (Escocia, 1942) nunha fermosa edición bilingüe, produto da colaboración entre a Dirección Xeral de Política Lingüística, a editorial HDF e a A. C. Barbantia. A escolma abrangue a produción poética de Dunn, de 1969 a 2017, e leva un interesante limiar da tradutora que define a poética do autor como un percorrido por dous mundos: “por unha banda observa a sociedade que o rodea, familiar e cotiá, as inxustizas e humillacións da historia… e, pola outra exhibe un extraordinario mundo da imaxinación…”. En resumo, compromiso e privacidade, ao que debe engadirse a paixón pola natureza, sempre evitando a falsa sentimentalidade. Lírico soñador, cunha forte carga erótica, pero sen esquecer o compromiso moral. Acada un difícil equilibrio entre a métrica tradicional e as imaxes de raíz surrealista, o realismo do cotián coa imaxinación creativa. O “eu” sen esquecer o “nós”. O clasicismo da tradición británica únese á potencia do surrealismo francés e mesmo do simbolismo. Quizais a forza do compromiso moral e social de Terry Street (1969) se atenúa na antoloxía nos poemas escolmados de The Year’s Afternoon (2000) e The Noise of a Fly (2017). Cada lectora ou lector terá as súas teimas, mais eu séntome máis achegado aos poemas Elegies (1985): “A tarde apágase nas follas e refresca o poñente / Harmoniosas fragancias, vento, herba e follasca / Revoan dentro e fóra en cadencias olorosas”. O poeta entra na “alcoba do mundo” para atopar a “longa noita da miña vida”.
  • Editorial: HFD |
  • Páxinas: 128 |
  • Dimensións: 148x210 |
  • Idioma: castelán |
  • Tradución: Armental Romero, María |
  • ISBN: 978-84-939930-3-0 |