Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

Wolfe, Thomas

O neno perdido

O neno perdido é unha das obras máis conmovedoras de Wolfe, quen acadou neste tipo de novelas curtas o seu cumio narrativo e estilístico. A acción localízase en St. Louis (Misuri) en 1904, a onde a familia de Grover Wolfe, o neno perdido, se despraza para residir durante sete meses co gallo da Exposición Universal.

As catro partes da novela teñen o propósito de, con cadansúa ollada e perspectiva, recuperar o neno perdido e compoñer o retrato da súa personalidade. Na primeira, un narrador en terceira persoa refire as impresións do cativo unha tarde de 1904 na praza de Altamont, a recreación da súa vila natal. A segunda é un monólogo emocionado da nai, no que lle refire ao propio autor, o irmán menor, a viaxe da familia en tren a St. Louis. Na terceira, a súa irmá Helen lembra os episodios que rodearon a morte do
pequeno. E na cuarta, é o mesmo Thomas Wolfe quen relata o seu intento de lograr remanecer a Grover mediante a visita, trinta anos despois, á casa na que finou.

Cun uso maxistral do punto de vista, un requintado alento lírico e unha admirable reconstrución do pasado para esconxurar a disolución do tempo, a través de elementos que, como a memoria, veñen e marchan e volven (a luz, o vento, as badaladas, a auga do cichón, os tranvías…), O neno perdido contén, en palabras de Wallace Stegner, a maior parte da mensaxe de Thomas Wolfe: «a inquietante evocación do pasado, a preocupación polo tempo, a irreparable soidade do individuo e o constante intento solipsista de converter o lembrado en real».
  • Editorial: Huguin e Munin |
  • Idioma: Galego |
  • ISBN: 978-84-126007-1-1 |