Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

Kay, Jackie

Trompeta

Ao falecer Joss Moody, célebre trompetista de jazz, desvélase un aspecto da súa vida que permanecera alleo á ollada pública. Así, mentres que a súa viúva, Millicent, se refuxia na aldea escocesa de Torr, onde se aferra aos recordos da súa relación, o fillo, Colman, acolle o achado con irado desconcerto. Estes e outros personaxes, amais da intrusiva xornalista Sophie Stones, completarán o relato dun tipo cunha vida xenuína; grazas, en boa medida, ao amor incondicional da súa parella, circunstancia que lle permitiu transcender os convencionalismos e rebelarse contra a visión monolítica das relacións humanas.

Publicada en 1998, Trompeta, a primeira e exuberante novela de Jackie Kay inspirada na vida do músico estadounidense Billy Tipton, acadou o prestixioso Premio de Narrativa auspiciado por The Guardian. Tras a estrutura complexa, a multiplicidade de voces e perspectivas e a potente prosa, intúese o influxo das grandes plumas escocesas e doutras mulleres anglófonas racializadas, como Zora Neale Hurston ou Toni Morrison.

Crítica e público lector salientan, entre outros aspectos, o tratamento que Kay lles dá a cuestións como o xénero e a identidade, a fronteira entre vida pública e privada, os procesos de dó e reconstrución persoal ou a esfera íntima e o código deontolóxico en contraste coa falta de escrúpulos. Por último, velaí tamén as diversas e oportunas mencións a grandes temas da escena jazzística, un recurso de ambientación que suma unha pátina de orixinalidade a unha prosa hipnótica e inclusiva.
  • Editorial: Huguin e Munin |
  • Idioma: Galego |
  • Tradución: María Reimóndez |
  • ISBN: 978-84-126007-8-0 |