Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

García, Xosé Ramón

Guía das plantas de Galicia

A "Guía das plantas de Galicia", do botánico Xosé Ramón García, é un instrumento imprescindible para o coñecemento básico da actual flora do noso país. A partir dunha terminoloxía sinxela, permítenos a determinación polo miúdo das especies que os estudosos e afeccionados poden atopar nas saídas ao campo ou nos paseos pola súa contorna.
O libro comeza cunha introdución xeral que trata da recolección, preparación e conservación das plantas, nomenclatura botánica, posibilidades que ofrece Internet e xeoloxía de Galicia. Contémplase a normativa legal actualizada sobre protección dos hábitats naturais e a listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, que inclúe o "Catálogo galego de especies ameazadas", así como o "Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España". Ademais, en cada especie tratada indícase a categoría con que pode estar no devandito catálogo, así como a posible consideración de invasora pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Logo, aborda a obra as claves que permiten a determinación ata o nivel de especie ou subespecie, para entrar nas fichas descritivas dos 1715 taxons (a maioría dos que en Galicia existen), indicándose o nome considerado correcto, sinónimos máis habituais, nomes populares en galego, castelán e inglés, descrición -con especial atención ás características que teñen valor diferencial-, hábitats máis habituais e fenoloxía da floración.
A "Guía das plantas de Galicia" contén, ademais, 1493 fotografías que ilustran o aspecto xeral da planta ou aspectos relevantes para a súa identificación, así como outro tipo de iconas nos casos que se consideran oportunos. A obra remata cun vocabulario en que se glosan os termos empregados, unha bibliografía básica e un completo índice alfabético.
  • Editorial: Xerais |
  • Páxinas: 664 |
  • Dimensións: 170x240 |
  • Idioma: Galego |
  • ISBN: 978-84-1110-355-8 |