Un panorama da historia compostelolana
Arredor de 1140, cando morreu Diego Xelmírez, o último bispo e o primeiro arcebispo de Compostela, nun andel do tesouro da catedral románica de Santiago quedou depositado un feixe de pergameos escritos en latín dunha obra inacabada. Aquela obra levaba escribíndose cerca de 40 anos e a súa misión era redactar minuciosamente o que sucedera desde o ascenso ao bispado de Diego Xelmírez no ano 1100, que non fora pouca cousa: unha longa guerra causada pola sucesión monárquica logo da morte de Afonso VI; un intento de invasión do rei aragonés; a inédita resistencia dunha muller, Urraca, na defensa do seu reinado; a progresiva segregación do Condado Portucalense onde a súa media irmá, Tareixa, tamén se autoproclamaba raíña; a coroación do Neno Rei, o futuro Afonso VII; polémicas sucesións papais e intensas relacións diplomáticas con Cluny e Roma; o asedio almorábide das costas galegas coas súas seifas e batallas navais; a loita permanente polo dominio dos castelos galegos; ataques piratas; súpetos cambios de bando na nobreza; expedicións dos exércitos galegos ás fronteiras de Castela, Aragón e Portugal; revoltas populares por Galiza adiante e en Compostela, a insurreción burguesa de 1117 e o atentado frustrado de 1136 contra Xelmírez despois de toda unha vida á fronte do goberno da Terra de Santiago como señor plenipotenciario que conseguira ser.
Tal monumento literario acabou sendo coñecido como Historia Compostellana. Este Panorama traduce ao galego algunha das súas páxinas máis memorables e pretende servir de guía introdutoria a unha das crónicas medievais máis singulares da literatura mundial, o noso gran clásico, a primeira obra literaria onde Galiza aparece xa perfilada e recoñecible nun detallado retablo vivente sen precedentes.

- Editorial: Positivas |
- Idioma: Galego |
- ISBN: 979-13-991701-1-5 |