VV. AA.

Antoloxía do Doce Estilo Novo

En colaboración coa Fundación Caixa Galicia, Galaxia publica na colección Clásicos Universais a Antoloxía do Doce Estilo Novo, en edición e tradución do poeta e escritor Darío Xohán Cabana. Setecentos anos despois, aquela poesía que revolucionou o gusto literario de toda unha época conserva a súa viveza e segue a revelar un labor literario obsesionado coa exactitude expresiva e que mostra a sensibilidade duns poetas que eran conscientes de estar construíndo un pensamento poético novo. Dante Alighieri foi quen bautizou e caracterizou por primeira vez esta escola poética, da cal é considerado o principal expoñente. Agora, os lectores e lectoras poden apreciar a mestría do poetizar dunha escola que había deixar fonda pegada na evolución da linguaxe poética. A coidada tradución de Darío Xohán Cabana publícase, en edición bilingüe, acompañada do texto orixinal italiano. Esta nova concepción poética, que xurdiu nas cidades italianas de Florencia e Boloña no derradeiro terzo do século XIII, é unha maneira diferente de entender a vida sentimental, unha sensibilidade nova expresada a través da poesía. O iniciador desta nova maneira de poetizar sería Guido Guinizelli, e logo viría o grande Cavalcanti. Ao carón e á sombra destas senlleiras figuras, a antoloxía inclúe, entre outros poetas, a Lapo Gianni, a Gianni Alani e a Dino Frescobaldi. Todos eles desenvolveron a súa obra cunha abraiante afinidade e uns logros que han sorprender ao lector ou lectora de hoxe.
  • Editorial: GALAXIA |
  • Ano: 2015 |
  • Páxinas: 452 |
  • Dimensións: 130x210 |
  • Idioma: Galego |
  • ISBN: 978-84-8288-756-2 |