Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

LEDO ANDION, MARGARITA (COORDINADORA)

Pantallas 3: De illas e sereas

De illas e sereas constrúe unha cartografía na que están presentes filmes que falan de nós dende o realismo, cuxo exemplo máis destacado é O que arde (Oliver Laxe, 2019), até o onirismo que remarca o artificio en Lúa Vermella (Lois Patiño, 2020). En ruta, o libro detense a analizar os usos da reciclaxe e dos arquivos no cinema galego, ferramentas que serven tanto á memoria individual como á colectiva, para levarnos logo a explorar as achegas máis experimentais de autores como José Eduardo Díaz-Noriega, o colectivo Vídeo 80 ou o máis recente Proxecto Remolque, impulsado polo proxeccionista, músico e cineasta Cris Lores.

Dende estas illas descoñecidas recalamos na relación entre o corpo e a cámara, entre o acto de filmar e a representación no cinema realizado por mulleres como Xiana do Teixeiro, Aldara Pagán ou Xisela Franco. A muller-protagonista, a súa mirada, está moi presente tamén no cinema máis inmediato que se está a facer en Galiza (Analóxica, de Anxos Efe ou a curta Arrolo, de Lucía Estévez; ambas do 2019) coma naquelas películas que están por chegar (Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; Ons, de Alfonso Zarauza; Crías, de Xiana do Teixeiro). Delas fálase ao comezo do volume no capítulo «Desexo de cinema: emoción e inscrición de clase».

A viaxe que propón De illas e sereas remata na diáspora. Dúas películas xa de por sí particulares «nun arquipélago de singularidades como é o do cinema galego actual» ocupan o último epígrafe do libro: Mimosas (Oliver Laxe, 2016) e Hamada (Eloy Domínguez Serén, 2019), ambas rodadas no Magreb. Pezas nas que as imaxes amosan unha cultura que non é a propia dos cineastas, mais nas que «o desexo de retratar unha periferia» forza a pensar na persistencia dunha identidade galega tamén nestes filmes, na súa maneira de representar o colectivo.
  • Editorial: GALAXIA |
  • Páxinas: 252 |
  • Idioma: Galego |
  • ISBN: 978-84-9151-488-6 |