Horarios: Luns a sábado (excepto martes) de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 / Martes de 16:00 a 20:30. Contacto: [email protected] / 981 560 250

DOVAL PORTO, INMA

Entre leiras e labores



Arduo foi o camiño para que as mulleres puidésemos –libres de estereotipos, coercións e imposturas– plasmar aquilo que nos interpela sexa por medio da palabra ou con trazos de cor, na captación fotográfica da luz, apelando á danza, a través do bordado, ao extraer as texturas que contén a pedra ou grazas ao corpo sonoro da música. Mais historicamente tamén creamos obras que tardaron moito en poder desvelarse das máscaras que mantiñan oculta a súa autoría feminina. Non en van, como afirma Virginia Woolf, “ao longo da historia ‘Anónimo’ case sempre foi unha muller”.
Só grazas ao empeño de precursoras coma ela, o invisible tornouse centro, foron enchéndose ocos e abrollaron as fontes co mesmo fecundo murmurio que subxace neste volume onde Inma Doval Porto reúne a catorce literatas-artistas que son á vez artistas-literatas nunha dualidade creativa pouco frecuente. A antóloga –magnífica poeta, ensaísta e creadora plástica– podería figurar tamén xunto a estas “nómades entre a palabra e a imaxe” que rompen coa estanqueidade tradicional das artes ao poñeren en diálogo a poesía coa banda deseñada (como fai Afra Torrado), a escultura (que cultiva Ánxeles Penas), a arte téxtil (caso de Ana Pillado), a fotografía (de Charo Lopes, Helena Villar Janeiro, Lorena Conde e Rebeca Baceiredo), o colaxe (nas mans de Begoña Paz, Clara Martín e Emma Pedreira) así como a pintura e o gravado (modalidades que dominan Soledad Pite Sanjurjo, Viki Ribadulla, Blanca Silva e Eva Méndez doRoxo). Esta hibridación non só lles permite construír mundos máis poliédricos, inauditos e transgresores senón que orixina unha sorte de linguaxe enriquecida capaz de traspasar calquera límite dado que se beneficia das posibilidades expresivas inherentes ás disciplinas que entran en íntimo contacto. Ademais, en Entre leiras e labores (antoloxía verbo-visual de autoras galegas), ao non outorgárselle un lugar privilexiado á palabra, apélase, para alén da nosa intelixencia verbal, a ese impulso –case espontáneo– de quen entra en comuñón coa obra artística captando nela o misterioso latexo que a define como algo vivo.
Así as catorce escritoras-artistas antologadas neste volume demostran, con gran habelencia, que cando a poesía é interdisciplinar pode xerarse dunha forma máis matérica e non tanto lingüística pois vibra igual no verso que na tersura do fío, nas arestas pétreas, nos pigmentos, na luz capturada e nos matices ocultos en pequenos retallos de papel. Por iso elas, lonxe doutras connotacións máis fragmentarias e incompletas, só admiten o cualificativo de creadoras totais.

Teresa Seara
_outras informações
isbn: 978-65-5900-367-9
idioma: galego
formato: 14x19,5 cm
páginas: 188 páginas
ano de edição: 2022
edição: 1ª
  • Editorial: çEditora Urutau |
  • Idioma: castelán |
  • ISBN: 978-65-5900-367-9 |