Cinema

Encontro con Eugène Green no ciclo «A cor das palabras»

Última cita antes do verán co ciclo A cor das palabras. Encontros con cineastas, organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX. O escritor, dramaturgo e cineasta Eugène Green viaxa a Compostela para manter un encontro co público de NUMAX baixo o título «Presenza real no cinematógrafo», ademais de presentar o seu novo filme, Agardando os bárbaros.

O domingo 17 de xuño ás 11:30, Eugène Green manterá co público de NUMAX o encontro A cor das palabras baixo o enigmático título de «Presenza real no cinematógrafo», do que o cineasta nos achega unha descrición: «A presenza real é unha noción teolóxica que pode servir para definir un dos aspectos esenciais na especificidade cinematográfica, a saber, a posibilidade de captar, nos fragmentos do real, unha realidade agochada, e facela aprehensíbel ao espectador. O encontro procurará desenvolver esta idea, analizando as técnicas propias da arte cinematográfica que o fan posíbel».

O relatorio desenvolverase en portugués dado o amplo coñecemento que posúe o cineasta desta lingua e realízase en colaboración co festival Filmadrid. O encontro ten entrada gratuíta até completar aforo, mais podes reservar a túa praza escribindo ao correo [email protected] indicando nome completo e número de contacto. 

Eugène Green é un dos cineastas máis singulares do cinema contemporáneo. Aínda que nace en Nova York en 1947, refírese aos Estados Unidos como Barbaria e considera a súa verdadeira data de nacemento 1968, ano no que marcha do seu país de orixe rumbo a Europa, e tras unha longa peregrinaxe, aséntase en París onde adopta a lingua francesa como propia. Gran renovador do teatro francés como fundador do Théâtre de la Sapience, onde se especializa na posta en escena de autores como Pierre Corneille, Jean Racine ou Jean-Philippe Rameau, non será até inicios do século XXI, cando se inicie na dirección coa deslumbrante Toutes les nuites, coa que acada o premio Louis Delluc.

A continuación Green imponse cunha obra cinematográfica sumamente delicada, que segue o ronsel de autores como Robert Bresson, Yasujiro Ozu, Hou Hsiao-hsien ou Hirokazu Kore-eda, e que entende o cinema como medio de reflexión sobre a palabra, a arte, a filosofía ou a espiritualidade. Tras as sublimes Le Pont des Arts (2004) e La religiosa portuguesa (2009), en 2014 reafirma o seu amor pola arte barroca con La sapienza, á que segue Le fils de Joseph (2016), de filiación definitivamente bressoniana. Nestes dous últimos filmes emprende un mecanismo narrativo realmente singular que acada total protagonismo en Agardando os bárbaros (2017), que consiste en situar os actores falando cara á cámara mais dirixíndose a outros personaxes e non ao público. O filme nace dun taller con doce actores que non se limitaron á interpretación, senón que teñen funcións de eléctricos, scripts ou auxiliares e acadou o Gran Premio do Festival de Xixón 2017. O resultado poderédelo gozar en NUMAX o sábado 16 de xuño, nun pase único que contará con presentación e coloquio de Eugéne Green.