Cinema

Encontro coa cineasta Milagros Mumenthaler, dentro do ciclo «A cor das palabras»

A directora arxentina Milagros Mumenthaler, cuxo novo filme, La idea de un lago, ten a súa estrea en salas de todo o Estado o 7 de abril da man de NUMAX Distribución, será a segunda protagonista do ciclo «A cor das palabras. Encontros con cineastas», organizado polo Concello de Compostela en colaboración co Cinema NUMAX. Baixo o título «Murmurios visíbeis» Mumenthaler fará un percorrido aos seus procesos creativos que conflúen sempre nun mesmo lugar: a inquietude por representar o íntimo. A aula terá lugar o sábado 8 de abril ás 11:30.

Tras a visita do animador coruñés Alberto Vázquez, que inaugurou o ciclo «A cor das palabras. Encontros con cineastas», chega a segunda entrega, cunha visita moi especial. A directora Milagros Mumenthaler virá especialmente desde Bos Aires presentar a estrea en NUMAX do seu novo filme, La idea de un lago, que poderá verse en salas de todo o Estado da man de NUMAX Distribución.

Inspirado en Pozo de aire, libro autobiográfico de fotografías e poemas de Guadalupe Gaona, La idea de un lago preséntanos a Inés, unha moza que última a edición dun libro nos últimos días do seu embarazo. Este proceso faralle revivir os seus veráns de infancia ao pé do lago, emprendendo unha viaxe emocional habitada pola pantasma dun pai ausente, nun evocador exercicio de construción poética da memoria. «La idea de un lago é unha reivindicación da infancia como sinónimo de aventura, liberdade e curiosidade, de experiencias que, se son capturadas e impresas, regresan ao noso presente para alegralo ou atormentalo, para cuestionalo ou aprobalo» (Fotogramas ★★★★).

O relatorio de Mumenthaler terá lugar o sábado 8 de abril ás 11:30 e levará por título Murmurios visíbeis. A entrada é de balde até completar aforo pero podédesvos inscribir no correo [email protected] indicando nome completo e número de contacto.

O ciclo

«A cor das palabras. Encontros con cineastas» é unha actividade cultural que organiza o Concello de Santiago e que trae cada mes a NUMAX importantes cineastas do panorama actual para manter un encontro público. Toma o seu nome de A cor das palabras, un libro de entrevistas con Marguerite Duras sobre o seu cinema que publicou de maneira póstuma Dominique Noguez en 1984.

O Concello, a través deste ciclo, válese do leit motiv do texto de Duras para emprender unha serie de encontros de cineastas abertos e de balde que atoparán no Cinema NUMAX o lugar perfecto para se atopar co público da sala.

Milagros Mumenthaler

Nace en Córdoba, Arxentina, en 1977, pero pasa a súa infancia e xuventude en Suíza, a onde ten que se exiliar a súa familia. Nos anos noventa, decide regresar ao seu país de orixe para ingresar na Universidade de Cinema de Bos Aires onde se gradúa no ano 2000. A continuación, emprende a súa carreira como realizadora cunha serie de talentosas curtametraxes nas que vai conformando a súa orixinal mirada. Ao seu debut con ¿Cuándo llega papá? (2000) e Cape Cod (2003) segue El patio (2004), fermosa peza de cámara premiada en BAFICI na que emerxe o particular universo creativo de Mumenthaler, determinado por un suxeito enunciador decididamente feminino.

En 2007, é seleccionada por un xurado encabezado por Laurent Cantet para formar parte de Cinéfondation, residencia artística do Festival de Cannes na que deron os seus primeros pasos Lucrecia Martel, Jaime Rosales ou László Nemes (O fillo de Saúl). Ese mesmo ano a súa curtametraxe Amancay (2007) é seleccionada no Festival de Locarno, un certame que a consagra internacionalmente coa súa primeira longametraxe, Abrir puertas y ventanas (2011), que obtén cinco premios entre eles o de Mellor filme.

En 2017, da man de NUMAX Distribución, o xenio de Milagros Mumenthaler chega por primeira vez ás pantallas españolas con La idea de un lago, emocionante retrato sobre a perda e a memoria seleccionado en grandes festivais como Locarno e San Sebastián. Unha obra milagrosa e plena de beleza que promete facer as delicias do público compostelán.