A Libraría NUMAX acolle a copresentación de «Irreversible» de Óscar Sánchez e «Muda» de Helena Quintela
A Libraría NUMAX acolle a copresentación dos poemarios Irreversible (Malafera) e Muda (Malafera), de Óscar Sánchez e Helena Quintela, o venres 18 de setembro ás 19:00h. As escritoras estarán acompañadas pola poeta e editora Branca Trigo. A entrada é libre ata completar aforo.
Óscar Sánchez (Santiago de Compostela, 2001) participou en diversos fanzines como Sacrificio e ao demo comend’Amor (Malafera) e no proxecto solidario A balada do exilio de Xulio Cid Neira (Saurobuks), ademais de ilustrar o libro Fogo fixo e voador de Paulo Hortak (Saurobuks).
Helena Quintela (Lugo, 1995) é ilustradora e creativa. Participou como ilustradora en proxectos como Maldito (Malafera, 2022) de Amauta Castro, e en proxectos solidarios como A balada do exilio de Xulio Cid Neira (Ed. Saurobuks, 2024), e na Antoloxía Biosbarda para Parche a favor da Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos (Ruín Alteredicións, 2022). Cre que crear é unha forma de dicir o que se leva dentro, mentres nos atopamos no proceso. O trazo, o camiño e o que se sente importan tanto coma o que queda ao final.