Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «Con E de curcuspín» de Mario Obrero

Mario Obrero presenta Con E de curcuspín (Rinoceronte) o xoves 11 de xuño ás 19:00h na Libraría NUMAX. O autor estará acompañado polo tradutor Moisés Barcia. A entrada é libre ata completar aforo.

O primeiro día nunha escola asturiana o mestre, castelanfalante, ensina as vogais. O e aparece á vez que un ourizo ocupa o encerado. «Es la e de…».  Os guaḥes, sen dubidalo, retrucan: ¡ye la e de curcuspín!

Mario Obrero retrata con este exemplo a convivencia entre as linguas do Estado. Con e de curcuspín está composto por varias cartas de amor á diversidade lingüística e recoñece a admirable tenacidade do galego, aragonés, catalán, aranés, asturiano, estremeño e éuscaro por existiren.

Mario Obrero (Getafe, Madrid, 2003) comezou a escribir con sete anos e publicou as súas primeiras obras na adolescencia: Carpintería de armónicos (XIV Premio de Poesía Joven Grande Aguirre, 2018), Ese ruido ya pájaro (2019), Peachtree City (XXXIII Premio Loewe a la Creación Joven, 2021), Cerezas sobre la muerte (Premio Nacional de Juventud 2023 na categoría de cultura, 2022) e Tiempos mágicos (2024). Compaxina os seus estudos en Filoloxía Hispánica coa escrita e colabora en programas de radio; tamén presentou o programa de Televisión Española Un país para leerlo.