Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «O lado nobre» de Irene Lourido

Irene Lourido presenta O lado nobre (Xerais) o martes 16 de xuño ás 19:00h na Libraría NUMAX. A autora estará acompañada pola guionista Araceli Gonda. A entrada é libre ata completar aforo.

Cando o pai da protagonista de O lado nobre ingresa no hospital cunha enfermidade autoinmune, dá comezo unha estadía que se prolongará durante meses de incerteza, complicacións e loita pola supervivencia. Entre analíticas, bacterias resistentes, illamentos e a dureza do sistema sanitario, a familia constrúe un refuxio de amor, complicidade e tamén moito humor para resistir nesa delicada situación. Irene Lourido tece nesta novela un relato persoal e conmovedor, unha crónica íntima sobre os coidados, a dependencia e a fraxilidade da vida. Cun estilo directo e emotivo, os textos máis instrospectivos vanse fundindo con anécdotas de momentos vitais, nun exercicio de memoria e noutro de proxección ante a necesidade de atopar beleza e dignidade nos momentos máis difíciles. O lado nobre é un testemuño valente sobre a enfermidade, pero tamén unha celebración da resistencia humana e da tenra relación entre unha filla e o seu pai, que nos convidan a unha xornada de portas abertas á intimidade que eles dous construíron ao longo dos anos.

Irene Lourido (Pontevedra, 1976) é licenciada en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. A súa traxectoria profesional como xornalista vai ligada á televisión pública galega, traballo que compaxina co de profesora asociada de Información Televisiva na USC. O lado nobre (Xerais, 2026) é a súa primeira novela, gañadora do X Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. Fotografía da autora: Miguel Méndez.