Libraría

A Libraría NUMAX acolle a presentación de «¿De qué tienes miedo?» de Nuria Díaz

A ilustradora Nuria Díaz presenta ¿De qué tienes miedo? (Lunwerg) o mércores 26 de novembro ás 19h na Libraría NUMAX. A autora estará acompañada pola escritora Nuria Vil. A entrada é libre ata completar aforon.

O medo ten moitas formas. Esta guía ilustrada preséntachas todas, da A á Z. Escuras, belas e cun sorriso torcido.

Ola, son o Medo. Estou aquí desde que descubriches que debaixo da cama non hai nada… e aínda así segues sen colgar o brazo pola beira. Son quen che fai mirar dúas veces un corredor baleiro, quen che murmura que ese ruído non foi a casa asentándose.

Déronme moitas formas: bruxa, zombi, kraken, pallaso. Saín en películas, videoxogos, lendas e ata nos espellos, cando non debería haber máis reflexos que o teu. Algúns chámanme trauma. Outros, sistema de alarma. Eu prefiro simplemente «o Medo», sen apelidos.

¿De qué tienes miedo? é un catálogo ilustrado das miñas travesuras. Da A de Animais que che devoran nos teus soños, á de Z de Zombi, que che devora… sen soñar. Cada letra, un recuncho onde me escondo. Ou non tanto.

Preparado para pasar páxina?

Non te preocupes: se non o estás, encantarame verche tentalo.

Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982). De pequena encantáballe inventar historias e debuxalas. Unha paixón que nunca abandonou e que hoxe se convertiu na súa profesión. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo e logo encamiñou a súa traxectoria profesional car ao deseño gráfico. Cando rematou a carreira continuou formándose cursando un Mestrado en Arte e Comunicación en Santiago, onde vive actualmente. Ademáis de traballar para o sector editorial, aplica os seus deseños a produtos orixinais que vende a través da súa tenda on line.