Libraría

Afinidades Electivas 2023: encontro literario con Berta Dávila e Marta Sanz

As escritoras Marta Sanz e Berta Dávila estarán o xoves 29 de xuño ás 20h30 na Libraría NUMAX para celebrar un encontro literario enmarcado dentro do programa Afinidades Electivas. No evento estarán acompañadas polo xornalista Daniel Salgado. A actividade está promovida pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da lectura do Ministerio de Cultura e Deporte.

Afinidades electivas é un programa de animación lectora promovido pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura. Os seus obxectivos son, por unha parte, impulsar a actividade en librarías independentes, e por outra, apoiar a creación literaria promevendo a difusión lingüística e cultural. 

As autoras manterán neste encontro unha conversa sobre a análise literaria e sociolóxica das súas narrativas, pois tanto Marta Sanz como Berta Dávila, constrúen obras que parten do corpóreo e que están atravesadas polas políticas afectivas, a experiencia, o emocional e o vivencial como punto de partida. Os paralelismos que podemos atopar nos seus textos literarios son numerosos chegando tamén ao vínculo nas referencias ao propio proceso de escritura e ao trato do binomio corpo-traballo e o corpo-memoria.

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), traducido para o castelán e o xaponés. O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da Asociación de Editores. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 en lingua galega na modalidade de narrativa por Carrusel (Editorial Galaxia) ou o dobre premio recibido en 2021 por Xerais con Un elefante na sala de estar (XIII Jules Verne de Literatura Xuvenil) e en novela con Os seres queridos. 

Marta Sanz (Madrid, 1967) é escritora, poeta, ensaísta e editora, unha das voces máis consolidadas e recoñecidas do panorama literario en lingua española. Doutora en Literatura Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid, nas súas obras explora os límites da linguaxe e a forza poética, e trata temas como a culpa, o resentimento ou a decadencia do corpo. Con máis de vinte anos de traxectoria literaria, é autora dunha quincena de novelas e ensayos, como Los mejores tiempos (Premio Ojo Crítico de narrativa, 2001); Animales domésticos;  Susana y los viejos, obra coa que en 2006 foi finalista do premio Nadal. En Anagrama publicou novelas como Black, black, black; Daniela Astor y la caja negra (Premio Tigre Juan, Premio Cálamo e Premio Estado Crítico); unha versión revisada e ampliada de La lección de anatomía; Farándula (Premio Herralde de Novela); Clavícula; Amor fou; pequeñas mujeres rojas; o ensaio Monstruas y centauras; o diario íntimo Parte de mí e Persiana metálicas bajan de golpe.