Cinema

Alberto Vázquez, dobre gañador nos Goya, presenta «Psiconautas» en NUMAX

Poucas semanas despois de arrasar nos Premios Goya co premio a mellor longa e mellor curta de animación, o director coruñés Alberto Vázquez visita o Cinema NUMAX para presentar Psiconautas, magnífica adaptación da novela gráfica homónima do propio autor. A presentación e coloquio de Vázquez terá lugar o luns 27 de febreiro ás 19:20 e xa se poden adquirir entradas na nosa web.

A visita de Alberto Vázquez permitirá ao público de NUMAX coñecer de preto a un dos autores máis creativos do cinema galego contemporáneo. Cunha aposta visual moi persoal, afastada dos lugares comúns do cinema de animación, Vázquez tense feito pouco a pouco un lugar de prestixio en festivais internacionais. En 2017 foi un dos grandes triunfadores dos Premios Goya, acadando o galardón á mellor longametraxe de animación por Psiconautas e á mellor curta por Decorado.

O Cinema NUMAX será a única sala compostelá que estree Psiconautas e a única de toda Galicia que a proxecte na súa versión en galego. O filme parte da novela gráfica do mesmo nome deseñada polo propio autor e ten como protagonistas a Birdboy e Dinki, dous amigos que decidiron fuxir dunha illa asolada por unha catástrofe ecolóxica: Birdboy illándose do mundo, Dinki emprendendo unha arriscada viaxe coa esperanza de que Birdboy a acompañe.

Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) ademais de director de animación é ilustrador e debuxante de banda deseñada. Os seus libros foron editados en países como Francia, Italia, Brasil ou Corea. A súa obra cinematográfica dáse a coñecer con Birdboy, Goya a mellor Curtametraxe de Animación en 2012 e na súa curta filmografía ten acadado máis de 100 premios internacionais en festivais como Annecy, Chichago ou Foyle. Psiconautas conta coa codirección de Pedro Rivero.