Libraría

Alfonso Pexegueiro presenta «Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes» en NUMAX

O poeta Alfonso Pexegueiro presentará o xoves 9 de febreiro ás 20:00h o seu novo libro Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes, editada por Lumbría Editorial. Pexegueiro estará acompañado nesta ocasión polo docente David Souto Alcalde e a escritora Paula Domínguez.

O libro Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes está protagonizado por un personaxe central, de nome Iqbal Masih, un neno de 12 anos ao que mataron a mafia dos fabricantes de alfombras e que vai construíndo un novo mundo. Este libro desborda xéneros, ao construírse a si mesmo durante trinta e cinco anos e que vai acompañados por unha serie de debuxos. Alfonso Pexegueiro desvelará ao público os misterios que se agochan nas súas páxinas, un traballo que da verosimilitude ás xeografías imaxinarias coas metáforas máis esixentes nun libro cotiá e transcendente que abrangue o local e o universal. Na presentación, que terá lugar o xoves 9 de febreiro ás 20h00 na Libraría NUMAX, o autor estará acompañado polo docente David Souto Alcalde e a escritora Paula Domínguez.

Alfonso Pexegueiro foi o creador en 1975 do Grupo de Comunicación Poética Rompente. É fundador xunto con outros autores da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 1980. Da súa obra poética cómpre salientar o poemario Seraogna (1976), libro anovador considerado por algúns críticos como precursos dos novos rumbos que seguiría a creación poética galega. Con Mar e naufraxio obtería o Premio da Crítica Galicia de 1978. En 1984 publicou A illa das mulleres loucas, reeditado por Galaxia en 2004. No eido da narrativa publica Relatos para salferir (1981) e Desatinos dun maldito (1991), continuando o seu labor poético na derradeira década do século XX con ¿Serán os cisnes que volven (1995) e Hipatia (1998). Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes é o seu último poemario.