Libraría

Antía Otero presenta «O cuarto das abellas» na Libraría NUMAX

A escritora Antía Otero visita a Libraría NUMAX o venres 18 de novembro ás 20:00 para presentar o seu último poemario, O cuarto das abellas. O acto contará coa participación da autora acompañada do editor Fran Alonso, de Xerais, a crítica literaria Ana Salgado, e Isaac Garabatos, que porá música ao peche da presentación.

Recén saído do prelo chega á Libraría NUMAX O cuarto das abellas, último libro de poemas de Antía Otero que, segundo indica o editor do libro, Fran Alonso, «nace da tensión entre o doméstico e o salvaxe (...), é unha bellariza de palabras, unha estrutura pechada e inquietante na que Antía Otero esmelga o froito dunha poesía que é, no entanto, agre, sen almibres. Porque amarga é a verdade, o amor e todo aquilo que aquí doe pola súa certeza.»

Na presentación do libro, que terá lugar o venres 18 ás 20:00, participará a propia autora acompañada da crítica literaria Ana Salgado e o editor Fran Alonso. Ao remate, Isaac Garabatos e Antía Otero porán música e voz a unha escolla de textos d'O cuarto das abellas.