Libraría

Antón Lopo presenta «A distancia do lobo» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acolle a presentación do libro A distancia do lobo (Noudelo e Ribón) de Antón Lopo o xoves 20 de novembro ás 20h. O autor conversará con Elba Rey, viúva de Uxío Novoneyra, e Branca Novoneyra. A entrada é libre ata completar aforo.

Cando se cumpren 95 anos do nacemento de Uxío Novoneyra, a Fundación do poeta e a editorial Noudelo e Ribón recuperan A distancia do lobo, biografía que Antón Lopo publicou con Galaxia en 2010 coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado ao autor de Os eidos

A distancia do lobo é unha biografía que, desde a súa publicación en 2010, se converteu nun título referencial, non só pola orixinalidade de enfrontarse á vida do poeta desde a primeira persoa, senón tamén polas repercusións que tivo, tanto na crítica como nos lectores. A obra comeza con Uxío Novoneyra gravemente enfermo. Está deitado e rememora a súa vida, desde O Courel da II República ás rúas de Zúric onde viu, a primeiros da década de 1990, os rapaces anestesiarse con heroína. Xorden así unhas memorias concibidas con aparencia de autobiografía, nas que a figura totémica de Novoneyra o inunda todo.

Para, Antón Lopo, A distancia do lobo era a terceira biografía á que se enfrontaba –despois de Fermín Bouza Brey e Lorenzo Varela– e decidiu ensaiar un xogo literario: escribir desde o “eu” as memorias doutro. Ese fora, precisamente, o tema que el mesmo e Novoneyra trataran unha tarde no Café Derby de Compostela, onde se citaran para intercambiar informacións sobre Bouza Brey. “Ao propoñerme Carlos Lema [editor entón de Galaxia] que escribise a biografía de Novoneyra”, escribiu Lopo na introducción á edición de 2010, “decidín que sería en primeira persoa e se aceptei, ademais da admiración que lle profesaba ao escritor, foi porque a oportunidade se me ofrecía única para cumprir o vello proxecto que alumaramos xuntos: o seu libro de conversas con Emilio Araúxo Dos soños teimosos era unha fonte prezada de información en primeira persoa, como tamén a súa obra e os seus numerosos discursos, artigos e entrevistas. Ese é o material básico que se emprega en A distancia do lobo, pero non o único: ampliouse coa xenerosidade e a intelixencia de Elba Rey, a viúva de Novoneyra, nunha serie de entrevistas que lle fixen durante catro meses. As súas achegas, reflexións e evocacións permitiron sacar á luz un inxente material que o propio poeta, escrupuloso até a obsesión nas referencias persoais, extirpara dos seus textos”.

Simultaneamente, os datos enriquecéronse en conversas múltiples con Herminio Barreiro, Luís Cochón, Fernán Vello, Alfonso Pexegueiro, Lois Diéguez, Méndez Ferrín, Saleta Goi ou Alberto Ansede, entre outras persoas. A represión da ditadura, o principio de liberación dos pobos, a bohemia, o refuxio das tertulias ou as dificultades de forxar un ámbito cultural propio nos comezos da autonomía en Galicia, son algunhas das estacións dun percorrido que fai escintilar a práctica totalidade da poliédrica persoalidade dun home que converteu a poesía nunha forma de comportamento.