Antón Lopo presenta «Diarios/1 [Azul Monforte]» na Libraría NUMAX
Antón Lopo presenta o seu novo poemario Diarios / 1 [Azul Monforte], que lle valeu o Premio Fiz Vergara Vilariño. O acto terá lugar o venres 23 de xuño ás 19h30 na libraria de NUMAX, en Compostela, como limiar á noite máxica das cacharelas nun acto onde participa Ismael Ramos. A entrada é libre ata completar aforo.
O próximo venres 23 de xuño, como unha caste de limiar á noite máxica das cacharelas, preséntase na libraría de NUMAX, en Santiago de Compostela, o libro Diarios / 1 [Azul Monforte], que lle valeu a Antón Lopo a última edición do Premio Fiz Vergara Vilariño, organizado polo Concello de Sarria e a asociación Ergueitos. O acto, que comezará ás 19,30 horas, contará coa presenza de Ismael Ramos.
O libro, en palabras do xurado que lle outorgou o galardón, caracterízase pola "ambición temática”, nun fío que vai "desde a dureza dos coidados á nai anciá á reivindicación de todo tipo de relacións afectivas, salferida dun hedonismo vital e lingüístico”. "Irónico, autoconfesional, brutal, o poemario pón de relevo unha voz ousada que se busca nunha xeografía global para chegar a un azul Monforte en plena madurez sentitiva", subliñaron Olalla Cociña, Xosé Luís Mosquera e Ismael Ramos, membros do xurado. Diarios / 1 [Azul Monforte] está concibido arredor do feito máis extraordinario ao que imos asistir nunca: a vida e os partos que a lindan: o nacemento e a morte.
Deste xeito, o que Lopo nos propón neste libro asombroso e durísimo é unha viaxe polos vértices en suspensión da vida. Para esa travesía, ofrécenos unha compaña de seres que se aferran ao afán da liberdade e á forza do poema, cunha sintaxe directa e, por momentos, próxima literatrura documental, que nos permite atravesar as paisaxes máis dolorosas como se estiveramos realizando unha cartografía. Poucas propostas tan apaixonantes se deron na literatura galega dos últimos anos como este libro, reflexo dunha obra con aspecto de diario (ficcional) que abrangue un período de tempo determinado a través de distintas visións do azul: a profundidade do ceo en Monforte, o estado sempre transitorio do azul en Compostela, os reflexos do bosque no azul do Hío, a forza do espazo suspendido –a gravidez– no azul Ons ou a posibilidade de que no Courel se dea o azul verdadeiro.
Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) é un autor que se move nos límites difusos da poesía, sexa na súa dimensión de perfomer, de poeta, novelista, periodista ou investigador. Actualmente dirixe Chan da Pólvora, selo especializado en poesía, e Batiscafo, centrado na difusión dos poetas de Galicia no exterior. Desde hai seis anos, está ao fronte do equipo que desenvolve en Compostela o festival Alguén que respira!. Entre os seus poemarios figuran Pronomes (1998), Fálame (2004) ou Corpo (2018). Na narración publicou obras singulares dentro do xénero fantástico e de ciencia-ficción, como Ganga (2000) ou Obediencia (2010). A súa novela más recente, Extraordinario (2018), obtivo o Premio da Crítica Española. Dos seus traballos perfomáticos sobresaen O outro estremo do paraíso (1998) e Lob*s (1999), xunto a Ana Romaní, Prestidixitador (2000), Accións (2004), Dentro (2005) ou Lampíricos (2013), que levou durante varios anos a museos, galerías, bosques, igrexas e casas abandonadas. No ámbito da literatura documental, publicou biografías como A distancia do lobo, sobre Uxío Novoneyra; A palabra exacta sobre Lois Pereiro ou, máis recente, o volume de investigación sobre o escultor Arturo Baltar, Son Arturo, o amigo de Caín. A súa obra traduciuse ao castelán, o inglés e o francés, ao tempo que o seu traballo apareceu en varias anroloxías, catálogos e publicacións, como o volume Student Body de Marina Abramovic, da que foi alumno.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE